A patronal eólica destaca a súa "defensa" do medio rural galego

Denuncian ser "o único" sector que paga un canon específico e defenden os altos prezos pagados polas leiras ocupadas, se ben as asociacións do sector ven a cuestión con outros ollos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2022 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

A Asociación Eólica de Galicia --que agrupa empresas do eido-- volve facer unha chamada de atención sobre a xestión da Xunta no tocante á materia do vento. A AEG pronúnciase este mércores pouco despois de que a administración autonómica informara, un ano máis, da contía e destino do Fondo de Compensación Ambiental, uns orzamentos da Xunta que se nutren do canon pagado polas empresas eólicas en Galicia, e que ascende a 23 millóns de euros anuais.

Parque eólico. NATURGY - Arquivo
Parque eólico. NATURGY - Arquivo

Neste contexto, a Asociación Eólica de Galicia demanda que estes 23 millóns pagados polo sector en concepto de canon se destinen “exclusivamente” aos municipios afectados polos parques e non ao conxunto do territorio, como viría facendo a Xunta. Dende a asociación razoan que se o canon se constitúe como unha "compensación" para os territorios afectados polas infraestruturas eólicas, o razoable sería que os ingresos derivados dos eólicos foran parar tamén aos mesmos, de forma "íntegra".

Pero a Xunta estaría a estender o reparto desta contía a outros municipios que nada teñen que ver coas consecuencias da avalancha eólica denuncia dende hai xa un ano polas principais asociacións ambientais e veciñais da Comunidade Autónoma. En calqueira caso, as críticas da patronal dos eólicos oriéntanse, tamén, ao feito de ter que pagar esta taxa, como explican:

“Igualmente, convén lembrar sempre que somos o único sector empresarial que soporta un imposto específico ademais de todos os que está obrigado a pagar. Nin as minas, nin as compañías do ciclo integral da auga, nin os  bateeiros soportan un imposto a maiores dos propios derivados da actividade empresarial. E xeramos enerxía verde, non contaminamos”, conclúe a entidade.

Por outra banda, a Asociación asegura tamén que defende “desde sempre a conciliación do sector co medio rural", e pon como “exemplo manifesto” o consentemento de propietarios e municipios durante os últimos 25 anos, momento en que comezou o desenvolvemento eólico en Galicia, logrando “liderar” en Europa o despregamento desta tecnoloxía.

“Aos propietarios dos montes onde se instalaron parques, situados nun centenar de concellos, abónanselles anualmente máis de 11 millóns de euros en concepto de rendas. É o mellor rendemento que se pode obter, por encima do uso agrario ou forestal. De aí a súa satisfacción”, tal como explica a entidade que agrupa aos promotores eólicos galegos.

Pero Galicia Confidencial xa explicou en situacións anteriores como, na carreira eólica, os propietarios de terras cobizadas polos promotores do vento teñen pouca capacidade de negociación, xa que a lei galega facilita en grande medida a expropiación forzosa, co cal, en moitos casos, optan por vender a prezos baixos para evitar un trámite administrativo no que teñen poucas posibilidades de victoria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta