A conselleira de Medio Ambiente bloquea a votación da moratoria eólica abandonando a xuntanza do COGAMADS

Piden que consten as irregularidades do "peche abrupto da sesión" e convocar un pleno extraordinario para tratar a paralización dos informes e concesións de parques eólicos.

Por Galicia Confidencial | COMPOSTELA | 27/01/2022 | Actualizada ás 20:41

Comparte esta noticia

Certo nerviosismo na Cosellería de Medio Ambiente ante a oposición social e as condenas xudiciais que están a recibir os numeros complexos eólicos proxectados no territorio galego teríase evidenciado, segundo a asociación ecoloxista ADEGA, nunha sesión do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel (COGAMADS) que tivo lugar onte. Nela participaron distintas entidades sociais que agora veñen de denunciar que a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, tería abandonado precipitadamente a xuntanza do COGAMADS bloqueando a votación da moratoria eólica.

Eólicos de Paradela (Lugo). CEDIDA - Arquivo
Eólicos de Paradela (Lugo). CEDIDA - Arquivo

Porque na xuntanza, a petición de distintas entidades sociais entre as que figuran o Sindicato Labrego Galego- Comisións Labregas (SLG-CCLL), Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), na orde do día foi incluído o tratamento dun punto sobre eólicos.

Segundo sinalan dende ADEGA, logo de realizar a súa intervención o vogal do SLG-CCLL, Diego Sánchez Agra, solicitou, co apoio de ADEGA, FEG e SGHN, a votación do Consello para emitir un “Acordo” sobre a necesidade de paralización dos informes e concesións de parques eólicos até que o Plan Sectorial Eólico de Galicia, que data do ano 1997 e "non foi sometido á avaliación ambiental estratéxica que obriga a Lei", sexa revisado e sometido a avaliación. Esta posición instaría tamén ao establecemento de criterios de avaliación para evitar o fraccionamento dos proxectos e a promover un cambio na lexislación para a mellor protección da cidadanía, o medio ambiente e o patrimonio.

No tocante á protección do territorio e ós valores medioambientais, subliñan dende ADEGA que este acordo debería facer mención explicita á necesidade de "derrogar as Leis de Depredación (5/2017 e 9/2021)". E en segundo termo, solicitaron levar tamén a votación a elaboración por parte do COGAMADS dun informe sobre o encaixe do actual modelo enerxético na "sustentabilidade e resiliencia do territorio galego".

Pero a Conselleira de Medio Ambiente e presidenta do COGAMADS, censura a asociación ecoloxista, eludíu tramitar a solicitude "abandonando precipitadamente a xuntanza ante a sorpresa e indignación das asistentes", quedando mesmo sen tratar o último punto da orde do día da reunión.

Por iso, as entidades SLG-CCLL, ADEGA, FEG e SGHN piden "a constancia en acta das dúas solicitudes de votación realizadas, as irregularidades no peche abrupto da sesión, e a convocatoria á maior brevidade posíbel dun pleno extraordinario do COGAMADS para tratar as propostas bloquedas" pola conselleira Ángeles Vázquez. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta