Luz Fandiño terá unha praciña co seu nome no barrio do Sar, en Compostela

A proposta, presentada polo BNG no pleno do Concello de Santiago, foi aprovada este xoves cos votos a favor de nacionalistas e Compostela Aberta e coas abstencións de PP e PSOE.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2022 | Actualizada ás 18:55

Comparte esta noticia

A poeta e activista social Luz Fandiño dará nome á praciña da Ponte do Sar na capital galega. A proposta, presentada polo BNG no pleno do Concello de Santiago, foi aprovada este xoves cos votos a favor de nacionalistas e Compostela Aberta e coas abstencións de PP e PSOE. 

Luz Fandiño
Luz Fandiño

Esta moción para designar co nome de Luz Fandiño a praciña da Ponte do Sar tamén incluía a proposta de facer un acto este 8 de marzo para recoñecer a súa traxectoria e celebrar o Día das mulleres, ademais de colaborar cos colectivos feministas na organización de eventos e mobilizacións que se convoquen. 

Luz Fandiño é unha poeta e activista social que naceu en 1931 no barrio do Sar. Cumpriu xa, por tanto, os 90 anos de idade. Goza dun importante recoñecemento social, sobre todo entre a poboación máis nova, pola súa vitalidade e inconformismo. En 1952 emigrou a Arxentina e en 1964 a Francia, para retornar a Santiago de Compostela en 1979, despois da ditadura franquista.

Outra das mocións do BNG aprobadas foi unha iniciativa cunha batería de propostas para fomentar o uso da lingua galega na administración local. En concreto, propuxo elaborar un novo regulamento de uso da lingua, dotar de máis recursos económicos e de persoal o Departamento de Lingua Galega e fornecer os recursos necesarios para mellorar a competencia e calidade lingüísticas do persoal municipal.

Tamén inclúe a petición de esixiralles ás empresas concesionarias de servizos públicos que garantan a atención e comunicación en galego para as persoas usuarias e o público de Santiago de Compostela. Aprobouse cos votos do BNG e CA e mais as abstencións de PSOE e PP.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta