'As mulleres que nos levaron á Lúa', unha exposición para visibilizar referentes e rachar con estereotipos sexistas

Trátase dunha das actividades do proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, que trata de aumentar a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/02/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A partir de hoxe e ata mediados de febreiro, o Parque Tecnolóxico de Galicia acolle a exposición  'As mulleres que nos levaron á Lúa'. Trátase dunha exposición que pon de relevo o traballo das mulleres que hai 50 anos foron clave para o éxito da misión do Apolo XI e a chegada da primeira persoa á Lúa. Unha iniciativa que pretende, por tanto, visibilizar referentes femininos en ámbitos de futuro como a enxeñaría aeroespacial.

A exposición 'As mulleres que nos levaron á Lúa'.
A exposición 'As mulleres que nos levaron á Lúa'. | Fonte: rermitida

A mostra está promovida por Nieves Lorenzo e Inés Álvarez, profesoras do campus de Ourense da Universidade de Vigo; Encina Calvo, da Universidade de Santiago; e a ilustradora da exposición, Manuela Elizabeth Rodríguez “MeliMolita”. A mostra está composta por doce paneis, con textos e ilustracións, nos que se recolle a biografía e logros do equipo de enxeñeiras, matemáticas, físicas e informáticas que tiñan como misión vixiar e preparar os cálculos de traxectoria, programación dos ordenadores e mesmo a alimentación dos astronautas que viaxaron ao espazo no Apolo XI. Son nomes como os de Annie Eeasley, Jeanne Lee Crews, Mary Sherman, Rita Rapp ou Christine Darden.

"Con este proxecto pretendemos axudar a rachar cos estereotipos sexistas que aínda hai

na nosa sociedade e contribuír a aumentar a representación feminina no ámbito STEM

-Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas-", sinalan as promotoras. 

 

A mostra 'As mulleres que nos levaron á Lúa' encádrase dentro do proxecto 'Ciencia e Tecnoloxía en feminino', promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE). O obxectivo da iniciativa é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas; debido á súa baixa participación nestas materias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta