Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2022 | Actualizada ás 21:00
A Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) vén de lanzar unha nova denuncia contra a actual vaga de proxectos eólicos e que, esta vez, vén focalizada no Goberno Central e tamén sobre Xunta. De acordo coa plataforma ecoloxista, os executivos de Feijóo e Pedro Sánchez estaría a "dar osíxeno" ás empresas eólicas mentres "afogan" á cidadanía.
A problemática está nos trámites administrativos para instalar estes parques. Os prazos ofrecidos a empresas e, sobre todo, a cidadanía, son chave para que esta última teña capacidade de presentar alegacións suficientes en tempo e forma como para facer que a administración, cando menos, reconsidere o visto bo a estes proxectos, moitos dos cales aparecen tramitados con irregularidades, segundo apuntan as asociacións.
O problema estaría en que ambas administracións estarían poñendo paus na roda dos veciños mentres dan amplitude de xestión ás empresas. "Non só a Xunta favorece ás empresas eólicas poñendo atrancos á participación pública", explican dende Adega. "Tamén o Ministerio de Transición Ecolóxica vén de ampliar os prazos dos trámites para a autorización de parques eólicos, outorgando ás empresas 9 meses máis para facerse cos permisos. Mentras, cidadanía e concellos vemos como os prazos de consulta son cada vez máis reducidos...", inciden,
Así o apuntan dende a plataforma despois de que o Ministerio de Transición Ecolóxica, explican, veña de aprobar un Real-Decreto polo que se amplían os prazos dos chanzos administrativos intermedios relativos á declaración de impacto ambiental e ás autorizacións administrativas previa e de construción dos proxectos eólicos. "Isto supón outorgarlle as promotoras unha prórroga de nove meses máis para conseguir unha DIA (Declaración de Impacto Ambiental) favorábel, acadar os permisos de conexión ou de evacuación, así como a autorización previa ou de construción dos parques eólicos", inciden.
MENOS TEMPO PARA A VECIÑANZA
"Ademais", engaden, "unha boa parte dos proxectos que se ven agora beneficiados por este Real-Decreto xa pasaron o trámite de información pública, fase de participación directa da cidadanía que se desenvolveu nun contexto moito menos 'relaxado' do que agora establece esta prórroga de prazos para as sucesivas fases do procedemento". Así pois, dende ADEGA citan como no trámite administrativo de consulta e información pública á cidadanía, os prazos foron "condensados e recortados" mentres que para os burócratas e as empresas o tempo para a consulta no órgano ambiental, a emisión de declaración de impacto ambiental ou a autorización, alóngase outros 9 meses.
"Tanto a Xunta como Ministerio están promovendo mudanzas normativas que alteran o procedemento administrativo relativo á autorización de proxectos de enerxías renovables en dous sentidos: Ampliando os prazos administrativos relativos á adquisición de autorizacións por parte das empresas e recurtando á metade os prazos de participación pública da cidadanía. Normas que colisionan perigosamente con dereitos fundamentais da cidadanía e que poñen en risco a boa saúde dun estado pretendidamente democrático", rematan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.