Okupación(s)

Ao primeiro, pensei que a cisterna perdía. Toc, toc… era unha pingueira sen dúbida. Estabamos nos comezos do verán de 2020. Levaba uns días vendo como organizar a miña casa de Santiago para meter todo o que fora acumulando despois de máis de 10 anos entre Vigo e Lugo. Fun mirar. Non era a cisterna.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 03/02/2022

Comparte esta noticia

A pingueira estaba no teito dunha das habitacións e no chan xa se formara un pequeno charco. Corrín no procura dun balde para pór debaixo e subín ao piso de arriba a avisar. Chamei insistentemente e aínda que era consciente de que había alguén dentro, ninguén abriu a porta. Retornei ao meu piso e busquei o teléfono do dono, a quen coñecía dende había anos. Cando conseguín falar con el o que me dixo era que non podía facer nada…
 
O piso fora okupado durante a pandemia polos antigos inquilinos, que, aproveitando que sabían que estaba baleiro, rebentaran a pechadura e alí se meteran. Cando o avisaron outros veciños xa era tarde. Xa puxeran a denuncia, pero a cousa ía devagar. Daquela xa había tres meses que a vivenda fora ocupada. O piso en cuestión non é propiedade de ningún banco, non é propiedade de ningún fondo voitre, ou dun especulador. Trátase dunha familia traballadora que herdara a propiedade ao morrer a nai.
 
As persoas que ocuparon a vivenda non eran ningunha familia desafiuzada, nin tampouco era unha parella de avanzada idade a quen un desalmado enganara e acabara perdendo o seu fogar.
 
Aquel día o episodio rematou con berros ante unha porta pechada, pedindo por favor que mirasen o que estaba acontecendo. Ao longo dos seguintes meses sucedéronse situacións semellantes: pingueiras no teito do baño e pingueiras no cuarto da lavadora durante días; ás veces. xa non eran pingueiras senón a auga caendo a chorro polas lámparas. Durante semanas non puiden saír da casa sen deixar postos baldes en distintas habitacións.
 
Os meses pasaban e pouco a pouco fun coñecendo o perfil dos okupas da vivenda, convertida nunha especie de pensión alternativa para chulos e prostitutas. Acabou o ano 2020 e puxémonos no verán de 2021. O piso xa levaba ocupado mais dun ano, e o xuízo pospúñase  dunha data para outra amparándose na suposta situación de vulnerabilidade dos ocupas. Pasado o verán, o xulgado dita sentenza favorable ao desafiuzamento.  Uns días antes de que se fose proceder á recuperación do piso polos seus propietarios escoito ruído e decátome de que están poñéndolle unha pechadura nova á porta… uns dos okupas. Cando uns días despois os donos poden acceder finalmente á súa vivenda, atópanse algo que xa  agardaban: o piso totalmente esnaquizado, e tamén atopan bolsas e distintos enseres nunha das habitacións. Despois de proceder á a cambiar rapidamente a porta quedan no piso e, ao pouco, aparece un descoñecido que tenta acceder ao mesmo… A situación é case cómica se non fose tan tráxica. A persoa en cuestión, que acababa de saír da cadea, cóntalles aos propietarios que el alugara un cuarto naquel piso dende había un par de días, que tiña a chave, que pagara douscentos euros por dous meses… Os okupas do piso non perderon a oportunidade de, sabendo que ían ser desaloxados, estafar a alguén que estaba necesitado dun lugar onde vivir.
 
Esta é unha realidade. Non é a única realidade sobre as okupacións de vivendas en Galicia ou en España. Existen outras que todos e todas coñecemos, pero esta é outra realidade que non se pode negar. A vivenda é un problema, un problema complexo, que non se soluciona con simples consignas.
 
Outra realidade que coñezo de primeira man é a realidade dun barrio como Os Mallos, na Coruña, lugar no que paso, dende hai dous anos, parte da semana. Nos últimos meses, Os Mallos saltou aos medios, igual que outros barrios perto, como A Sagrada Familia ou Agra do Orzán, polos seus edificios okupados. Tampouco neste caso estamos a falar de vivendas das que se pretenda desafiuzar a familias vulnerables, nin a persoas que, ao perder o seu traballo, deixaron de pagar a hipoteca, non falamos tampouco de arrendatarios sometidos ao acoso de malvados especuladores inmobiliarios que usan mil artimañas para expulsalos dos seus fogares e promover a construción de urbanizacións de luxo. Nada mais lonxe de todo iso. A realidade é a okupación de vivendas para convertelas en narcopisos, en agocho de todo tipo de delincuentes.
 
Da man deste tipo de ocupacións incrementáronse os roubos, moitos deles a persoas maiores desvalidas, os actos de vandalismo, as pelexas na rúa, incendios en vivendas provocados por conflitos entre bandas… as okupacións fixeron medrar a tensión no barrio, convertido nun lugar que é percibido polos veciños como perigoso, no que as señoras maiores non se atreven a saír soas a partir da noitiña. As persoas do común senten que lles están a roubar os seus espazos de socialización (xardíns, prazas, parques, rúas…), os seus lugares de convivencia, e todo isto ante a inacción dos responsábeis da seguridade pública: o Concello da Coruña e a Delegación do Goberno en Galicia.
 
Unha mostra: hai uns días, logo doutro longo proceso xudicial, efectivos da Unidade de Intervención Policial entraron nun edificio para desaloxalo. O que se atoparon dentro foron centos de obxectos procedentes de roubos (bicicletas, patinetes, móbiles…): precisáronse dúas furgonetas para trasladar todo a Comisaría. Este feito por si so só pon de manifesto a total impunidade coa que operan estes delincuentes, que se ceban fundamentalmente nos barrios obreiros. O edificio era un lugar coñecido por todo o mundo como punto de venta de drogas, salvo polos responsables policiais, que parecen poñer todo o seu interese en mirar para outro lado.
 
A situación creada nos Mallos deu lugar a mobilizacións cidadás esixindo solucións para o problema. Mobilizacións que nacen nunha comunidade que está farta de ser esquecida, duns veciños e veciñas que queren que as rúas sexan espazos de convivencia, non espazos de temor e medo. Participei en todas as mobilizacións nas que me foi posible. Mobilizacións da cidadanía, mobilizacións nas que abundaban as persoas maiores e parellas con cativos, xente á que non coñezo pero coa que me atopo no súper, na carnicería, na panadería, que me soa por coincidir tomando unha caña nalgún dos barciños do barrio... xente normal…  Nestas mobilizacións nin había grupúsculos de extrema dereita detrás, nin racismo, nin utilización partidaria de ningunha caste… só xente do común, xente traballadora, como é inmensa maioría das persoas dos Mallos, Sagrada Familia ou Agra de Orzán. Xente que quere vivir en paz e pasear con tranquilidade polas rúas do seu barrio, como fixeron sempre.

Esta tamén é a realidade das okupacións, unha realidade na que os barrios obreiros se converten en reféns de delincuentes, que se apropian do espazo público e o degradan, expulsando a xente dos mesmos.
 
A realidade é mais complexa do que unha parte da esquerda cre. Días despois das primeiras mobilizacións, unha representante de Anticapitalistas Galiza tentaba relativizar as manifestacións con argumentos de peso: “non eran tan grandes” ou, este sí que é bo:  “nin sequera todos os das manifestacións era veciños dos Mallos”…  como si ela coñecese a todo o mundo ou se pedise o empadroamento para participar… Dito de forma popular, confunden o touciño coa velocidade.
 
Falo dun piso en Santiago de Compostela e falo dun barrio na Coruña, poderiamos falar da Milagrosa ou o Sagrado Corazón en Lugo: son exemplos de situacións que a esquerda prefire ignorar ou negar. Para unha parte da esquerda, esa agrupada arredor de Unidas Podemos, ou das candidaturas municipalistas como Marea Atlántica ou Compostela Aberta, ou o BNG (por citar a quenes teñen ou tiveron responsabilidades de goberno), aquilo que non encaixa na súa visión do mundo simplemente non existe. Non existen outros problemas que aqueles para os que eles atopasen unha fórmula máxica que so só eles mesmos saben administrar. O seu mundo é simple, en branco ou en negro, moi distinto ao mundo no que outros e outras vivimos.
 
Os que protestan contra as okupacións, os que piden solucións reais agora, e non se contentan con discursos baratos, non son de extrema dereita, non son racistas... a inmensa maioría é, somos, xente do común, que vemos como se degrada a vida social, que vemos como a xente pensa en mudarse farta da inseguridade.
 
Non todos os okupas son boa xente: iso só o pensan quenes non viven na realidade, só o pensan quenes non están interesados no que esas clases populares (ás que din defender), teñen que afrontar día a día.
 

Manifestación convocada pola Asociación Gatos Rojos, contra a ocupación de vivendas e os okupas do barrio das Gándaras en Lugo
Manifestación convocada pola Asociación Gatos Rojos, contra a ocupación de vivendas e os okupas do barrio das Gándaras en Lugo | Fonte: Lugo Xornal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.