"O Goberno é moi tímido no recoñecemento práctico da diversidade lingüística"

O audiovisual galego únese para esixir ao Executivo que "concrete" as cotas de galego en Netflix e demais plataformas tras a resaca do "tongo" ás Tanxugueiras.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2022 | Actualizada ás 13:52

Comparte esta noticia

Varios grupos do audiovisual galego presentaron este xoves en Santiago as súas emendas ao anteproxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual do Goberno central, ao que reclaman que garanta o uso e a presenza do galego neste sector. O grupo, formado por entidades como a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), ou o Grupo de estudos audiovisuais, entre outros, instou ás forzas políticas a presentar estas emendas no Congreso dos Deputados para un "sector estratéxico para o uso da lingua e a normalización".

A principal reclamación do sector respecto ao anteproxecto de lei é a de que o Executivo concrete as medidas a favor da diversidade lingüística que se recollen, ademais de especificar as cotas para a programación de contidos producidos en Galicia para as televisións e as plataformas de streaming.

Os representantes dos distintos grupos apelaron á unanimidade alcanzada o pasado ano no Parlamento de Galicia para aprobar a chamada Lei Xabarín, que recoñece "a pluralidade lingüística como principio básico". Por outra banda, consideraron que, ante a nova lei, o Goberno "é moi tímido no recoñecemento práctico da diversidade cultural e lingüística para as que non garante condicións mínimas de equidade".

O representante da Mesa pola normalización Lingüística, Marcos Maceira, insistiu na importancia de garantir estas medidas para mellorar a situación do galego na comunidade. Para apoiar esta tese, Maceira recorreu a datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), como o de que case o 24% dos galegos entre os 5 e os 14 anos coñecen pouco ou nada da lingua.

MÁIS CATÁLOGO EN GALEGO

Outra das principais reclamacións é a da presenza do galego nas plataformas de streaming, que, segundo Maceira, "só contan con 26 producións en galego" do amplo catálogo de contidos dispoñible hoxe en día. Os profesionais do audiovisual esixiron que se garanta a dobraxe, a subtitulación, as audiodescripcións, e as interfaces das plataformas en todas as linguas propias oficiais.

Así mesmo, solicitaron a descentralización dos centros de referencia e fondos de financiamento para as producións, que a definición de produtor independente "se axuste á realidade" e que se aumente nun 20% a obrigación de financiamento anticipado para a produción europea, cunha cota mínima establecida para as producións en linguas cooficiais. Todas as emendas recollidas teñen o propósito de facer avanzar ao audiovisual en galego e que, segundo os seus representantes, "non se pode quedar só na televisión tradicional".

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez,. EUROPA PRESS
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez,. EUROPA PRESS | Fonte: M.FERNÁNDEZ. POOL - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta