Temas: BOMBEIRO NARóN

Bombeiros de Narón reclaman melloras salariais, aumento de efectivos e a renovación de instalacións

O goberno local estima que as súas peticións deben ser canalizadas a través da xunta de persoal.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/02/2022 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

Membros do persoal do Servizo de Protección, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón (A Coruña) demandaron melloras salariais, das instalacións da súa base e un maior número de efectivos. Así o trasladou Marco Pita, un dos bombeiros, que exerceu de portavoz do colectivo nunha rolda de prensa ofrecida na mañá deste luns ante a entrada principal do concello, onde tivo lugar un pleno extraordinario que rexeitou as alegacións presentadas por este colectivo á Relación de Postos de Traballo (RPT).

Integrantes do SPEIS ás portas do Concello de Narón
Integrantes do SPEIS ás portas do Concello de Narón | Fonte: Europa Press

Pita detallou que días atrás mantiveron un encontro de traballo co concelleiro de Persoal, Pablo Mauriz (TeGa), que se desenvolveu "dunha maneira amigable" e onde se trasladou ao colectivo que o goberno local estudaría a "revaloración" dos seus postos de traballo

Os bombeiros de Narón denuncian que os seus salarios son ao redor dun 30% máis baixos que os dos seus homólogos na veciña cidade de Ferrol, polo que confían en que a xunta de persoal consiga avances en materia retributiva.

Os representantes do colectivo de emerxencia tamén ven necesario abordar a mellora das instalacións que ocupan no polígono de Río do Pozo, xa que "este servizo logrou unha dimensión moi considerable, xa que é verdade que se dotou ao parque de moitos medios materiais, como roupa e vehículos, pero non estaba planificada unha infraestrutura de parque de bombeiros e está quedando pequena".

Así incidiu en que é necesario atallar "algunha deficiencia, que de non ser abordada pode acabar afectando a saúde dos bombeiros". "Son cuestións de valoración de traballo, de salario, que nalgúns casos non é o suficiente para a tarefa que desempeñamos, ademais de instalacións", resumiu.

Pita detallou que o persoal actual está composto por 20 profesionais e que se requirían, polo menos, outros cinco membros para paliar o déficit de persoal e poder afrontar con garantías as esixencias do servizo.

RESPOSTA

Tras estas demandas, o concelleiro de Persoal, Pablo Mauriz, detallou que o goberno "sempre está a dialogar coa representación dos traballadores, tanto do comité de empresa como xunta de persoal, onde os bombeiros tamén teñen un representante".

O edil sinalou que a xunta de persoal aprobou en decembro, "con todos os votos a favor, a negociación que se realizou "para o próximos tres anos" e que "beneficia a todos os traballadores deste concello".

En canto ás instalacións, Mauriz asegurou que "non foron construídas para un parque de bombeiros" como o que funciona na actualidade e avanzou que existen contactos para levar a cabo unha remodelación.

"Xa estamos en negociación cunha empresa para buscar unha solución para mellorar estas infraestruturas, onde o parque a nivel material mellorou moito nos últimos anos, e iso foi o que motivou que as instalacións se vexan limitadas en canto á súa capacidade", engadiu Mauriz.

Temas: BOMBEIRO NARóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Anónimo

Qué pasa con la Junta de Personal que no se pronuncia???