Uns premios Goya con sabor galego deixan catro galardóns no cinema da Comunidade

O galego fixo aparicións ao longo da gala da man da 'Negra Sombra' de Luz Casal e dos agradecementos bilingües de algún premiado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2022 | Actualizada ás 11:05

Comparte esta noticia

Noite de premios Goya con sabor galego. A Comunidade levou catro galardóns: Mellor filme de animación, mellor actor revelación, Mellor música orixinal e mellor curta de animación. Así aconteceu nunha gala celebrada sen presentadores e na que destacaron as actuacións musicais de Joaquín Sabina, Leiva e Luz Casal, que interpretou unha versión da Negra Sombra arroupada pola Real Filharmonía de Galicia

Catro dos Premios Goya entregados este sábado en Valencia veñen para Galicia, da man do actor Chechu Salgado, galardoado como Mellor Actor Revelación; Zeltia Montes, premiada na categoría de Mellor Música Orixinal; a cinta galega 'Valentina', Mellor Película de Animación; tamén co Mellor Curto de Animación, 'The Monkey', proxecto galego con coprodución portuguesa.

Ademais, na categoría de Mellor Son recolleu a figura o equipo de 'Tres', cinta producida pola compostelá Frida Films. Esta edición dos Premios Goya,  número 36, supuxo a volta á presencialidade --aínda que con medidas sanitarias pola pandemia-- dos galardóns máis importantes que se conceden no cinema español.

PREMIADOS

En canto aos galardóns, o lucense Chechu Salgado alzouse co premio a Mellor Actor Revelación polo seu papel na película 'Las leyes de la frontera'. Con el, estaban nomeados Óscar de la Fuente e Tirik Rmili, por 'El Buen patrón'; e Jorge Motos, por 'Lucas'. A produción galega 'Valentina', de Brandán de Brano, Chelo Loureiro, Luís da Matta, Mariano Baratech e Noa García, recibiu o premio á Mellor Película de Animación.

No seu discurso de aceptación, Loureiro reivindicou ás "mulleres fortes" e defendeu a integración das persoas con discapacidade. Así, encomiou e agradeceu o traballo das dobradoras do personaxe de Valentina, Lucía Seren --en galego-- e Josephine Lockhart --en castelán--, dúas nenas con Síndrome de Down, igual que a protagonista da historia.

Tamén en animación, pero na categoría de Mellor Curta, tivo oco Galicia. O proxecto galego, con coprodución portuguesa, 'The Monkey', encabezado por Xosé Zapata, impúxose a 'Nacer', de Roberto Vale; 'Proceso de selección', de Carla Pereira; e 'Umbrellas', de Álvaro Carballos e José Prats. A tamén galega Zeltia Montes levou o premio a Mellor Música Orixinal, un do seis galardóns cos que se fixo unha das producións favoritas, 'El buen Patrón' --nomeada a 20 'cabezóns' e que finalmente conseguiu, entre outros, Mellor Actor Protagonista, Mellor Dirección e Mellor Película--.

FELICITACIÓNS

A política galega tivo palabras de recoñecemento e felicitación para os premiados, empezando polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que nun tweet destacou que "os Goya volveron a ter selo galego" e agradeceu aos galardoados que demostrasen " a gran calidade do noso cinema".

Na mesma liña, e na mesma rede social, pronunciouse o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que felicitou a todos os premiados "que avalan co seu traballo o gran futuro do cinema galego" e que "mostraron de novo o extraordinario talento do audiovisual galego". Tamén o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, felicitou aos premiados a través da conta da Delegación en Twitter.

Luz Casal nos Goya
Luz Casal nos Goya | Fonte: RTVE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta