Humanizar a asistencia e formar os pacientes: retos na atención ás persoas con psoríase

Algunhas das comorbilidades que presenta esta enfermidade, que sobren 62.000 persoas en Galicia, son a artrite psoriásica, o risco cardiovascular ou a diabete.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A psoríase afecta aproximadamente a 2,3 millóns de persoas en todo o Estado e a 62.000 persoas en Galicia, das cales 14.000 padecen unha das patoloxías asociadas con maior incidencia, a artrite psoriásica. Os últimos 25 anos foron fundamentais no avance da abordaxe desta enfermidade, coa irrupción dos fármacos biolóxicos que permitiron cambiar de maneira radical o seu prognóstico. E ademais, "de aquí a cinco anos poderase facer un medicamento á carta en Galicia para o tratamento da psoríase, axustando a terapia a cada paciente". Esta é unha das principais conclusións que veñen de anunciarse no 'Foro Autonómico de Psoríase' organizado pola Fundación de Ciencias do Medicamento e Produtos Sanitarios (Fundamed), coa colaboración de Janssen.

Edificio do Sergas
Edificio do Sergas | Fonte: xunta.gal.

PSORIASE, ARTRITE E XENÉTICA

"A psoríase é unha patoloxía crónica que se asocia con diversas comorbilidades que teñen relevantes implicacións na vida dos pacientes como son as enfermidades cardiovasculares, endocrinolóxicas, renais, síndrome metabólico ou trastornos psiquiátricos", explica o doutor Hugo Vázquez Veiga, xefe do servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Entre elas, a máis frecuentes é a artrite psoriásica, "unha enfermidade das articulacións que se presenta en aproximadamente entre un 10% e un 30% dos pacientes con psoríase e que pode ter un gran impacto na calidade de vida do paciente", asegurou, pola súa banda, o xefe de servizo de Reumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC), Javier de Toro Santos. 

As causas que producen a artrite psoriásica non se coñecen con exactitude. "Si se sabe que ataa un 30 ou 40% dos pacientes con artrites psoriásica teñen algún familiar con psoríase ou con artrite, o que suxire que a herdanza desempeña un papel importante", asegura De Toro Santos. Ademais desta predisposición xenética, existen algúns factores ambientais como infeccións por certas bacterias, traumatismos, enfermidades endocrinas ou algúns medicamentos que son capaces de activar a enfermidade. 

Durante a xornada explicouse que, na actualidade, a maioría dos hospitais en Galicia teñen Unidades de Pacientes Psoriásicos e unidades multidisciplinares, onde especialistas de Dermatoloxía e Reumatoloxía coordinan diagnósticos e tratamentos. Neste sentido, Vázquez Veiga aproveitou a súa quenda para solicitar a inclusión nestes equipos de persoal de psicoloxía e traballo social.

EMPODERAMENTO DOS PACIENTES

Pola súa banda, Irene Zarra Ferro, xefa do Servizo de Farmacia do Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS), puxo en valor o papel que desde a farmacia hospitalaria se realiza á hora de servir de nexo entre o paciente con psoríase e o persoal médico especialista. "É importante que o farmacéutico e o paciente traballen de maneira conxunta para conseguir os mellores resultados posibles no tratamento da súa enfermidade". Esta experta apostou, igualmente, polo coñecemento da enfermidade por parte das persoas que a sofren, o que redunda no seu empoderamento. "O profesional sanitario é unha peza clave na formación dos pacientes, polo que sería moi aconsellable que ofrecese unha guía onde buscar información complementaria de calidade e con garantía de evidencia científica", asegura.

HUMANIZACIÓN DA ASISTENCIA

Outro dos puntos nos que se fixo fincapé durante a xornada ten que ver co "modelo afectivo-efectivo", unha forma de coidar e curar o paciente como persoa, con base na evidencia científica. Neste sentido é clave incorporar a dimensión da dignidade e a humanidade do paciente, establecer unha atención baseada na confianza e empatía e contribuír ao seu benestar e aos mellores resultados posibles en saúde. 

Jorge Aboal Viñas, director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, asegurou que "agora máis que nunca o paciente ten que estar no centro da atención sanitaria, posto que o paciente é, neste momento, un paciente informado, un activo experto na súa patoloxía que debe participar nas decisións do seu tratamento". As persoas participantes no foro coincidiron en destacar que o 'Afectivo Efectivo' é un modelo moi completo que engloba todas as esferas esenciais e necesarias para asegurar unha atención sanitaria de calidade. 

De Toro Santos sinalou que a tensión emocional empeora a psoríase. Por este motivo, xunto a un tratamento para reducir a inflamación e mellorar os síntomas da enfermidade, tamén é necesario lograr un "benestar mental" para soportar mellor a enfermidade. "Humanizar a asistencia consiste en tentar comprender a persoa enferma na súa totalidade e  iso só é posible mediante un achegamento baseado na escoita. A comunicación é esencial na relación médico-paciente: ten como finalidade mellorar as oportunidades clínicas de obter un mellor diagnóstico, proporcionar un tratamento adecuado e facer un correcto seguimento", sentenzaa. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta