Un xulgado falla que o Concello de Lugo non tiña competencias para sancionar a hostaleiros por restricións covid

Anula a sanción imposta ao propietario dun establecemento hostaleiro.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 18/02/2022 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo declarou nula a sanción imposta ao propietario dun establecemento hostaleiro da localidade por incumprir o horario máximo de apertura en outubro de 2020, que neses momentos a Xunta establecera á unha da madrugada como consecuencia da crise da COVID-19.

Cidadáns na terraza dun bar de Lugo a 12 de decembro de 2020
Cidadáns na terraza dun bar de Lugo a 12 de decembro de 2020 | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Nunha sentenza da que informou este venres o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a maxistrada estima o recurso do dono do local porque considera que o Concello de Lugo carecía de competencia para impor esa sanción. En consecuencia, deixouna sen efecto e condenou á administración a devolverlle os 250 euros que abonou no período de pago voluntario.

O recorrente, segundo consta no fallo, foi denunciado por dous axentes da Policía Local o 18 de outubro de 2020 ás 01:14 horas por superar o horario máximo de apertura establecido para locais de hostalaría.

A maxistrada explica na resolución que, en base a esa denuncia, o 26 de febreiro de 2021 a Alcaldía do Concello de Lugo acordou incoar o inicio do procedemento sancionador, por considerar ao demandante autor da comisión dunha infracción administrativa de carácter leve.

O Concello, posteriormente, comunicoulle ao hostaleiro que a multa sería de 500 euros e que tiña a posibilidade de acollerse á redución de o50 % do importe, no prazo de 15 días. Por iso, o 18 de maio de 2021, procedeu ao pago bonificado.

COMPETENCIA DA XUNTA

A titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo subliña que a administración local carecía de competencia para impor a sanción. Así, destaca que a Lei 8/2008, de saúde pública, na súa redacción vixente cando se cometeron os feitos, "deixa claro que son os órganos da administración autonómica os competentes para a imposición das sancións previstas nesa lei".

Ademais, engade que, aínda que tamén prevé a posibilidade de que os concellos poidan resultar competentes, "iso será factible a condición de que cumpran os requisitos establecidos no seu apartado 2, é dicir, que así o prevexan as respectivas ordenanzas municipais e que as infraccións obxecto de sanción afecten as áreas de responsabilidade mínima sobre as cales exercen competencias de control sanitario".

Neste caso, segundo a xuíza, "resulta incontrovertido que o Concello de Lugo carece dunha ordenanza municipal que regule a referida materia, pero é que, en todo caso, a infracción obxecto da sanción non afecta as áreas de responsabilidade mínima sobre as cales exerce competencias de control sanitario o Concello".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta