Pídenlle 10 anos por violar a súa exparella que foi vivir con el tras outra denuncia de violencia de xénero

Cando expirou a orde de afastamento, ambos retomaron a convivencia.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 20/02/2022 | Actualizada ás 16:12

Comparte esta noticia

A Fiscalía pide 10 anos de prisión para un home acusado de agredir sexualmente a súa exparella, coa que convivía, e que será xulgado este luns na sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña.

O acusado e a vítima mantiveran unha relación de parella no pasado, pero esta terminou cando ela o denunciou por violencia de xénero. No entanto, cando expirou a orde de afastamento, ambos retomaron a convivencia, aínda que só como compañeiros de piso e non como parella.

Os feitos que serán xulgados ocorreron no partido xudicial de Carballo, na madrugada do 13 de maio de 2018. O acusado regresaba ao domicilio despois de estar unha semana fóra por motivos laborais e, á súa chegada, atopouse coa vítima e díxolle que quería manter relacións sexuais con ela.

A muller negouse, pero o acusado agrediuna sexualmente no sofá da vivenda. A violencia empregada e a resistencia da muller provocaron que sufrise hematomas nas pernas e rexión lumbar, e laceracións na zona vaxinal. Así mesmo, debido a este episodio, sufriu un empeoramento dun trastorno adaptativo que xa tiña, e que se traduciu en insomnio, pesadelos, temores, etc.

DELITO E PENAS

A Fiscalía acusa o home dun delito de agresión sexual, coa agravante de parentesco (pola relación que mantivera coa muller), e pide que sexa condenado a 10 anos de prisión. Tamén pide que se lle impoña a medida de liberdade vixiada durante 7 anos, e a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima durante 12 anos.

O ministerio público tamén pide no seu escrito que indemnice á muller en 20.400 euros, e ao Sergas en 618,16 euros, pola atención sanitaria que tivo que prestar á vítima.

Xuízo por violencia de xénero
Xuízo por violencia de xénero | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta