O BNG propón declarar Galicia "zona non apta" para parques eólicos mariños

A formación nacionalista vén de presentar un informe ante a Comisión Europea denunciando o impacto destas instalacións sobre o medio e a pesca.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2022 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

O BNG presenta un "sólido" informe na Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea que analiza o impacto dos parques eólicos mariños na pesca e no medio ambiente, e reclama que a costa galega sexa declarada "espazo non apto" para os devanditos parques. A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, explicou que o documento ten ao redor de 80 páxinas e está baseado en datos científicos e socioeconómicos.

Miranda declarou que tanto a costa como o sector pesqueiro galegos están "ameazados" polos parques eólicos mariños e denuncia unha "falta de investigación" sobre o tema. "A propia Comisión de Pesca da Eurocámara recoñece a falta de coñecemento que existe sobre o impacto da eólica mariña", sostivo a portavoz do BNG.

Ademais, resolveu que "é un despropósito" falar de instalar os parques "antes de realizar un estudo de impacto no sector pesqueiro e no medio ambiente e sen ter un plan de ordenación dos espazos mariños (POEM)", que se atopa en fase de consultas previas. O informe enviouse este xoves a Bruxelas por correo electrónico e Miranda explicou que a semana que vén entregarallo en man á Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea.

"ESPAZO NON APTO"

Entre os motivos que deu Ana Miranda para que o litoral galego sexa definido como "espazo non apto" atópase que a plataforma continental galega é "moi estreita" en comparación coa do Mar do Norte, zona na que se atopan a maioría dos parques eólicos mariños, e por iso tería unha implicación moi diferente á que se dá nos países nórdicos. Ademais, explicou que a costa ten moita máis densidade animal que noutros estados europeos e que o sector pesqueiro galego ten unha "gran importancia" na comunidade.

Plataforma eólica mariña co maior aeroxerador construído pola UTE Navantia-Windar para Windplus S.A
Plataforma eólica mariña co maior aeroxerador construído pola UTE Navantia-Windar para Windplus S.A | Fonte: Windplus

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta