Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2022 | Actualizada ás 11:00
O Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia aumentou un 5,2% en 2021, segundo os datos que publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE). Nun comunicado, o Goberno galego destaca que este crecemento supón dúas décimas máis que a media española de avance, que é do 5%.
Deste xeito, Galicia recupera así máis da metade da caída histórica do PIB en 2020, cando sufriu un esborralle do 8,9% en comparación con 2019. Respecto diso, a Xunta sinala que, nos dous anos de pandemia, a economía galega acumula un diferencial positivo de máis de dous puntos respecto da de España.
En canto ao último trimestre do ano, o PIB de Galicia creceu un 5,1% en taxa interanual, mentres respecto ao terceiro trimestre elévase un 0,9%. Desde o punto de vista da demanda, no ano 2021, o gasto en consumo final creceu un 3,7% --cun crecemento do 4,2% nos fogares-- e a formación bruta de capital aumentou un 1,1%. En canto á demanda externa, as exportacións de bens e servizos tiveron unha alza un 9,9% e as importacións un 6,5%.
Respecto da oferta, os servizos creceron un 6,6% e o sector industrial un 4,1%, cun avance do 6,1% da industria manufacturera. Pola súa banda, o sector primario descendeu un 0,5% e o da construción un 2,4%.
Ademais, os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego --medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo-- creceu un 7,2% no ano 2021 e alcanzou 1.020.543 postos de traballo, 68.887 máis que no ano 2020, co que practicamente se recuperaron todos os perdidos na pandemia.
As ramas de actividade nas que mais subiu foron as relacionadas co comercio, transporte e hostalaría (+11,8%), coas actividades profesionais (+7,5%) e no sector da construción (+10,4%).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.