Sobe o paro en Galicia en febreiro mentres cae no conxunto do Estado

Pontevedra rexistra case mil parados máis o pasado mes. Os afiliados á SS medran, pero moi por debaixo da media estatal a nivel do último ano.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2022 | Actualizada ás 10:28

Comparte esta noticia

O número de parados rexistrados nas oficinas de emprego en Galicia aumentou en 577 persoas en febreiro (+0,37%), cun total de 154.509 desempregados, segundo os datos que publica este mércores o Ministerio de Traballo e Economía Social.

Este incremento contrasta coa caída media do paro do 0,36% rexistrado no conxunto do Estado, onde baixou en 11.394 desempregados en febreiro, o seu mellor dato neste mes desde 2015, cando o paro descendeu en 13.538 persoas.

Na comparativa interanual, o desemprego descende en Galicia en 30.719 persoas (-16,58%). Neste caso a diminución é menor que a media do conxunto do país (-22,38%), onde a rebaixa é de 897.105 persoas.

Paro en Galicia en febreiro de 2022. EPDATA
Paro en Galicia en febreiro de 2022. EPDATA | Fonte: Europa Press

SOBEN OS AFILIADOS

Galicia gañou 4.193 afiliados á Seguridade Social en febreiro respecto ao mes anterior, un 0,41% máis, de forma que alcanza un total de 1.026.146 cotizantes, segundo informou este mércores o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Este incremento é superior ao avance mensual do estado do 0,34%, nun mes de incrementos xeneralizados, salvo o descenso de Andalucía (-0,03%) e Castela A Mancha (-0,12%). O maior repunte prodúcese en Baleares (+2%). En termos interanuais, o aumento en Galicia de afiliados foi de 32.117 (+3,23%). Neste caso é inferior á alza do 4,48% que se computa na media estatal.

SOBE EN PONTEVEDRA

A subida do paro de febreiro explícase polo incremento en 920 persoas (+1,5%) na provincia de Pontevedra, cun total de 60.974 parados, xa que no resto de provincias hai descensos.

A Coruña lidera o descenso, con 252 desempregados menos (-0,41%), ata un total de 61.601. Baixa en 50 persoas en Lugo (-0,34%), con 14.778. En Ourense, a diminución é de 41 persoas (-0,24%), con 17.156.

Na comparativa interanual, hai un descenso xeneralizado no catro provincias: Lugo (-20,69%), A Coruña (-17,40%), Ourense (-16,30%), Pontevedra (-14,75%).

O SECTOR SERVIZOS LIDERA A SUBIDA

O sector servizos acumula a maior subida en Galicia, con 713 desempregados máis, que acumula un total de 109.378. En cambio, baixa no resto. A construción é a que conta coa rebaixa máis acusada (323 menos), seguida por agricultura (68 menos) e industria (46 menos).

Tamén sobe nos de sen emprego anterior (301 máis). Mentres, o desemprego chega a 10.717 estranxeiros en Galicia, 134 máis (+1,27%) que no mes pasado. Na comparativa interanual, hai 2.868 menos (-21,11%). Por zona de orixe, 7.224 son de países extracomunitarios e 3.493 son de país comunitarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta