Usuarios e traballadores de residencias privadas de maiores apoian a folga convocada para o 17 de marzo

Denuncian "precariedade das condicións salariais e laborais" do persoal.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/03/2022 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

A Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes, conformada por asociacións de familiares, usuarios e traballadores de residencias, mostrou o seu apoio á folga convocada polos empregados dos centros de maiores privados a partir do 17 de marzo. Os colectivos confirman que participarán nas mobilizacións de persoal das residencias privadas que terán lugar a próxima semana en Santiago e Vigo en protesta pola "precariedade das condicións salariais e laborais" que "caracterizan o traballo do persoal das residencias".

Residencia de maiores
Residencia de maiores | Fonte: Xunta de Galicia.

A Alianza manifestou que os traballadores denuncian salarios "ínfimos" e unha carga de traballo "brutal". Ademais, a asociación explicou que o actual convenio colectivo de Residencias Privadas de Terceira idade expirou a finais do 2019 e que desde entón "a patronal négase a renovar o convenio ou a actualizar as táboas retributivas".

Por iso, desde a Alianza manifestaron a súa solidariedade e apoio á loita dos traballadores, así como a súa "vontade de apoiar e participar nas mobilizacións públicas que convocan os sindicatos".

A organización galega explicou que recoñecen "plenamente que é aos sindicatos a quen lles corresponde a tarefa de protagonizar as negociacións" e o labor de programar as manifestacións.

Ademais, manifestaron que son conscientes de que só uns traballadores ben pagos e cunhas condicións de traballo "dignas" poderán "achegar aos usuarios uns coidados que se caractericen pola súa calidade e humanidade no trato".

Por iso, aseguraron que participarán nas distintas mobilizacións e fan un chamamento a que tamén se somen todas aquelas organizacións que defenden uns servizos dignos de Dependencia.ç

En concreto, explicaron que estarán nas manifestacións do venres 11 de marzo en Vigo e o mércores 16 en Santiago.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta