Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2024 | Actualizada ás 19:57
O Sindicato Labrego Galego denunciou que varias gandarías foron ameazadas cun cesamento de recollida do leite argumentando algunhas industrias lácteas, ao fío da estabulación trabada, un suposto incumprimento das normas de benestar animal recollidas no Real Decreto de Ordenación de Bovinos. Segundo informou o sindicato, fontes da Consellería confirmáronlles que en ningún caso o feito de que as vacas estean amarradas durante a noite cando estiveron pastando ao aire libre todo o día afecte o seu benestar nin infrinxa extremo algún da normativa.
Nunha nota de prensa, o SLG explica que nas granxas nas que aínda se realiza esta práctica caracterízanse polo seu pequeno ou mediano tamaño e xestión tradicional, "cun número limitado de cabezas de gando, produción en extensivo e un seguimento do benestar animal moi próximo", o que contrasta, sinala, coa situación na que se atopan "as vacas das grandes producións de orientación industrial, pechadas todo o día e xestionadas en masa".
"Pedimos á Consellería do Medio Rural que contacte coas empresas lácteas para aclarar esta situación e sobre todo para deixarlles ben claro que o novo argumento para non renovar os contratos aos gandeiros é totalmente inxustificado", demanda o coordinador do sector lácteo no SLG, Julio Fernández. Ademais, considera que o Ministerio de Agricultura tamén debería interesarse por estes movementos, xa que "parecen unha máis que posible distorsión da aplicación do RD de ordenación bovina por parte destas industrias e o incumprimento das boas prácticas recollidas na Lei de Cadea Alimentaria".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.