Sánchez trata a Feijóo como xefe da oposición e pregunta: "vai pactar con Vox en Castela e León?"

O presidente do Goberno ínstao a abandonar a ambigüidade e concretar as súas posicións fronte á ultradereita.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2022 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, pediu ao precandidato a presidir o PP, Alberto Núñez Feijóo, que deixe a ambigüidade e concrete a súa posición respecto de posibles pactos con Vox. Tamén lle requiriu que manifeste se ten intención de aclarar os casos de suposta corrupción que teñen relación co partido.

Así, indicou que o tempo da ambigüidade acaba e o da concreción chega, nunha conversación informal con xornalistas, rumbo a Letonia. Ademais, apuntou que máis aló da mensaxe de descentralizar o PP, debe pronunciarse claramente sobre a relación coa ultradereita e sobre se está comprometido coa rexeneración democrática.

Neste sentido, afirmou que haberá que ver a formulación que fai respecto destes dous temas. A pesar de que Feijóo aínda non é o líder do PP, Sánchez subliñou que a decisión que tome o PP na investidura do presidente de Castela e León xa entrará dentro do seu mandato, se finalmente é elixido.

Así, advertiu de que se o PP chega a pactar con Vox nesta comunidade e forman un goberno de coalición, sería a primeira vez que a ultradereita entra nun Goberno rexional en Europa. A xuízo de Sánchez isto é algo que Feijóo tería que explicar.

Nesta mesma liña pediulle que recapacite e reconsidere a oferta do PSOE, de illar a Vox cun cordón sanitario e evitar pactos con esta formación en toda España. Alén das peticións e os avisos, a intervención é destacable en tanto que inaugura a relación entre Sánchez e Feijóo como este fose xa, de iure, xefe da oposición.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, nunha reunión co titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, en imaxe de arquivo
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, nunha reunión co titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, en imaxe de arquivo | Fonte: Xunta de Galicia - Arquivo.

CARTA DE FEIJÓO

Precisamente, o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, enviou este luns unha carta ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para solicitarlle que na Conferencia de Presidentes que se celebrará o vindeiro domingo na Palma se aborde a aprobación dun plan estatal de acollida para persoas refuxiadas procedentes de Ucraína, elaborado en coordinación entre o Executivo central e as comunidades, e que conte tamén coa achega das entidades locais.

Feijóo lembrou que, segundo datos de Acnur, son xa millón e medio os ucraínos que tiveron que abandonar o seu país nos últimos días por mor da invasión rusa e, ante a situación dramática que se está vivindo, subliñou que os poderes públicos deben "porse á fronte da corrente de solidariedade que emana dos españois, ordenala e canalizala de maneira adecuada".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta