Feijóo deixa no aire un posible pacto entre o seu PP e Vox

O presidente da Xunta protagoniza un duro enfrontamento con Ana Pontón a raíz da guerra ucraína. Feijóo apunta á sombra da UPG tras os vaivéns do BNG sobre o conflito e Pontón respóndelle coa "corrupción" do PP estatal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2022 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, levou o debate ao seu terreo na sesión de control deste mércores na Cámara autonómica, onde esquivou o embate da portavoz do BNG, Ana Pontón, sobre o seu futuro e a esixencia de dimitir xa como titular do Goberno galego ao optar a tomar as rendas do PP, cun duro ataque sobre a posición do Bloque en relación á guerra de Ucraína.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, preside a reunión do Consello.. Rosa Veiga - Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, preside a reunión do Consello.. Rosa Veiga - Europa Press

A acometida de Feijóo coa invasión rusa como pano de fondo trae causa do fracaso na negociación dunha declaración institucional entre o tres grupos con representación no Pazo do Hórreo (PPdeG, PSdeG e BNG), que quedou ratificada na pasada xornada. PP e PSdeG culparon ao Bloque, que lanzou unha mensaxe que reiterou Pontón este mércores contra o presidente: o "uso dos mortos" da guerra para "atacala".

Nesta conxuntura, Feijóo atacou con toda crueza ao BNG durante a sesión de control. "Ucraína está a ser masacrada. Están a matar á poboación civil", advertiu o líder popular, quen afeou que o Bloque rexeite "condenar este tipo de atentados contra os dereitos humanos e contra a soberanía dun país".

E dado que Pontón lle pedía "dimitir" tendo en conta que ve "unha falta de respecto" que vaia "gobernar Galicia por teléfono" mentres percorre España na campaña interna para liderar o PP e tamén polo menos durante uns meses despois, o dirixente popular replicou que é ela a que debería dimitir por "non ser capaz de ter un xesto de humanidade" co pobo de Ucraína "nun momento crítico".

FEIJÓO APUNTA Á SOMBRA DA 'U'

Neste contexto, suxeriu que Pontón non é capaz de impor a súa postura porque "non lidera o BNG" e concluíu que, por iso, non se puido pechar na pasada xornada a declaración institucional. Non porque non haxa acordo "sobre o fondo" se non por que Pontón "non lidera" a formación nacionalista.

E, segundo Feijóo, cando alguén "non lidera" ao seu partido, ten que recorrer a "insultar ao outro" para "tapar" a situación. Non en balde, incidiu en que o Bloque pide a independencia de Galicia pero non é capaz de "plasmar o acordo coa soberanía de Ucraína na relación co mundo", mentres suxire que "repeler unha agresión é non ter razón, ou que ser europeísta e atlantista é ir contra a dignidade das persoas".

TENSIÓN NO PLENO

"Vostede é un excelente candidato a presidir o PP da corrupción e da falta de ética", replicou unha Pontón visiblemente indignada, quen afeou ao presidente, coa declaración frustrada como bandeira, de dar " orde de usar ao pobo ucraíno para atacar ao BNG con mentiras". "Como pode usar a miles de mortos para atacar ao BNG. É en grao sumo indecente que vin neste Parlamento", sentenciou, antes de lembrar a Feijóo que el é pai, como ela é nai, e de preguntarse como pode "utilizar" a situación ucraína, tras ver as tráxicas imaxes diarias da guerra, para "mentir" en sede parlamentaria e atacar ao Bloque.

Pero Pontón lamentou que non son as primeiras "manipulacións" que sofre o Bloque e a súa propia persoa por parte dos populares --ao que Feijóo respondeu posteriormente que se alguén foi atacado é el, especialmente por ela como portavoz--, e insistiu en que, aínda que "amenta" na Cámara e "use" a situación de Ucraína, o feito é que "colleu o camiño de Madrid".

PACTO CON VOX

Pouco antes, o portavoz socialista Luis Álvarez preguntouse que fará Feijóo "cando teña que pactar" con Vox, "o seu novo compañeiro de viaxe en Madrid" e leu unha listaxe de declaracións "paleolíticas" sobre o papel da muller e a igualdade de dirixentes da formación que dirixe Santiago Abascal. "A lista sería interminable", lamentou, antes de advertir, coa sombra de Castela e León: "Vai vostede a pactar cun partido negacionista da violencia machista".

Feijóo esquivou a pregunta, eludindo sinalar se pactaría ou non coa formación de Abascal, respondeu citando a polémica mensaxe difundida no seu día do exlíder de Podemos, Pablo Iglesias, sobre unha presentadora --"azoutaríaa ata que sangrase"--. E ese, lembrou o líder popular, quen en días pasados xa advertiu que non aceptará "leccións" sobre pactos do PSOE, foi "o vicepresidente" de Pedro Sánchez no Goberno.

PIDE AO PSOE QUE FAVOREZA A INVESTIDURA

Máis tarde, durante a rolda de prensa que ofreceu na sede do PP en Madrid, Feijóo pediu este mércores ao PSOE que favoreza a investidura do candidato do PP, Alfonso Fernández Mañueco, rexeitando que para iso o PP teña que romper con Vox noutras rexións.

Feijóo precisou que dado que non hai outra fórmula alternativa despois dos resultados que arroxaron as eleccións do 13 de febreiro, Mañueco ten a libertade e a responsabilidade de darlle estabilidade á Xunta de CyL. Pero argumentou que tamén os procuradores teñen unha responsabilidade nun momento de extraordinaria dificultade para España en buscar unha fórmula para a investidura. Por iso, dixo que o PP falará con todos os grupos da Cámara empezando polo PSOE, que é o de maior representación tras o PP.

E os socialistas, engadiu, teñen a "responsabilidade e a oportunidade" de favorecer que goberne a lista máis votada. Iso si, deixou claro que esta petición ao PSOE non debe estar vinculada a que o PP rompa acordos con Vox noutras CCAA. En canto a se Vox debería ou non presidir as Cortes de Castela e León como pediu o partido de Abascal, Feijóo deixou claro que, aínda que el non participa desas conversacións, entende que se gañou o PP co triplo de deputados que Vox, "parece razoable" que sexa o PP o que presida a Cámara.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 MEDULIO

Pactará con Vox, claro que si, igual que foi no barco con Marcial Dorado e os seus, e? que pasa ou lle pasou? Nada. É máis,enriba agora é o "honesto moderado". Vivir para ver, que país, que xentiña!!!