"Boicot á enerxía nuclear" para lembrar as vítimas de Fukushima 11 anos despois

Ecoloxistas en Acción pide emprender diversas accións persoais, que van dende reducir o consumo un día ata cambiar a unha comercializadora 100 % renovable ou producir a túa propia enerxía.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2022 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

Este venres, 11 de marzo, cúmprense 11 anos do accidente nuclear de Fukushima, en Xapón. Nese lugar, hoxe en día, a radiación continúa producindo mutacións e matando organismos vivos, as verteduras seguen o seu curso e a acumulación de resíduos radioactivos letais desborda "todas as previsións iniciais". Unha ampla zona non pode sequera habitarse. 

Camións cisterna tentan refrixerar os nucleos das plantas afectadas en Fukushima
Camións cisterna tentan refrixerar os nucleos das plantas afectadas en Fukushima | Fonte: arquivo

Como protesta para lembrar as vítimas deste desastre, o movemento ecoloxista pide "boicotear a enerxía nuclear" con diversas accións persoais: dende reducir o consumo un día ata cambiar a unha comercializadora 100 % renovable ou producir a túa propia enerxía. É o que vén de propoñer Ecoloxistas en Acción, que pide "deixar de financiar as grandes eléctricas e declarar a nosa independencia de tecnoloxías de xeración sucia, centralizada, e insostible".

 

"Se o desastre de Fukushima demostrou algo é que a enerxía nuclear é demasiado perigosa e cara para que se continúe usando", explican. "Non podemos permitir que estes accidentes volvan ocorrer, mais os oligopolios da electricidade seguen promovendo e utilizando a enerxía nuclear. Valoran máis os seus beneficios que o medio ambiente ou a seguridade das persoas", denuncian dende Ecoloxistas en Acción. Así, cada 11 de marzo, miles de persoas en todo o mundo únense para mostrar que non necesitamos a enerxía nuclear para vivir.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta