Ser nai e enfermeira eventual no Sergas: o peso dunha "dobre precariedade"

Dúas profesionais do colectivo 'Enfermeiras eventuais en loita' alertan de que a sanidade galega está "sumida" nunha importante falta de persoal que deriva da "non xestión" das xubilacións e da precariedade que sofren nos seus postos de traballo, duplicada no caso das mulleres embarazadas ou con cargas familiares.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Foi unha das chamadas que máis me agobiou. Tiña a miña filla de cinco meses no peito e soou o teléfono para ir traballar. Dixen que non podía, que non tiña con quen deixar a nena, e respondéronme que estaba nunha lista e que debía cumprir. Eu repliquei que non tiña opción: ou a abandonaba, ou a levaba comigo ao traballo. Entón, coma se me estivesen facendo un favor, dixéronme que por esa vez deixaban que renunciase. Este é o tipo de situación ás que te enfrontas cando es enfermeira eventual e nai". 

Protesta das 'Enfermeiras eventuais en loita' polas dificultades da conciliación familiar e laboral, no 2019
Protesta das 'Enfermeiras eventuais en loita' polas dificultades da conciliación familiar e laboral, no 2019 | Fonte: remitida

Quen fala é Silvana Muñoz, unha traballadora da área sanitaria da Coruña que vén de firmar un contrato de interinidade tras estar 19 anos como enfermeira eventual. Durante ese tempo, Silvana conciliou tres embarazos e crianzas cun traballo no que a maternidade acaba por penalizar as traballadoras: "se dis que non a un contrato, vas un ano ao final da lista", explica. Por iso, moitas vense obrigadas a darse de baixa das listas ou suspender os chamamentos, con todo o que iso implica: non cobrar, non cotizar e non puntuar para méritos por tempo acumulado. "Cando es nai exposte a perder", resume Silvana. "Veste na casa coma se non tiveras dado nada polo Sergas".

Isto foi o que tamén lle aconteceu a Catuxa Lagarón, que no seu primeiro embarazo non tivo outra opción que pedir a detención das chamadas do Sergas para contratos que habitualmente duran días: "Adecuación do posto de traballo e do servizo, ningunha. Lembro que estando de cinco meses tiven que atender unha señora maior na súa casa que levaba no chan máis de doce horas. Xa só tomarlle as constantes custábame a vida", explica Catuxa, por iso decidiu suspender as chamadas, a pesar de que implicou non cobrar por parte do Sergas a baixa de maternidade. 

"PRECARIZADAS E DISCRIMINADAS"

Relatos coma o de Silvana e Catuxa tan só son dous exemplos dos tantos casos de enfermeiras eventuais da sanidade pública galega que denuncian que o Sergas non ofrece un trato axeitado ás mulleres traballadoras embarazadas. En concreto, o 93% delas responderon isto na última enquisa que realizou o colectivo 'Enfermeiras eventuais en loita', do que forman parte estas dúas profesionais, e que deixa outros cantos datos preocupantes. Ao 74% das mulleres que traballaron embarazadas non se lles realizou unha adaptación do posto durante esa etapa laboral; e un 41% non puido disfrutar de horas de lactancia. Durante a pandemia sanitaria, tan só o 13% viu axustado o seu horario por estar coa lactancia ou en situación de risco.

As casuísticas que se poden dar son complexas e diversas dependendo do tipo de contrato. Por exemplo, no caso de que o embarazo coincida nunha tempada en que a profesional está traballando cun alto grao de eventualidade, con contratos por días soltos, tramitar unha baixa por risco de embarazo vólvese misión imposible. No tempo en que se solicita e que se traspasa a un tribunal que emite unha decisión, o contrato puido ter rematado xa, polo que cumpriría volver iniciar o proceso na seguinte contratación. 

Buscando evitar isto, no seu segundo embarazo, Catuxa traballou ata as 36 semanas: "Collín todos os contratos, en diferentes sitios, con quendas de noite... Porque me interesaba que me desen un bloque de verán - contrato algo máis longo do habitual - para poder coller a baixa. Conseguín o permiso de maternidade, pero non porque a administración mo puxese fácil, senón porque o pedín por adiantado e quedei protexida. Non podían non renovarme o contrato", relata. Tamén Silvana traballou ata a semana 32 de embarazo. "Ía ben preparada. Faixa para suxeitar a barriga, medias...". Explica que estaba a gusto no traballo, pero que tampouco se podía permitir deixalo. "Perdera moita puntuación na crianza anterior. Non me podía pasar tamén nesta". 

AS DIFICULTADES DA CONCILIACIÓN

Ante estas situacións, as enfermeiras eventuais e nais séntense dobremente "discriminadas e precarizadas". A elevada eventualidade - o Consello de Contas determinara que están sen contrato fixo máis dun 40% do persoal, a pesar de que a Xunta o reduce ao 10% - provoca que as profesionais sumen centos de contratos por días ou mesmo por poucas horas, o que as obriga a estar "colgadas" do teléfono para non perder ningunha chamada. "Tiven compañeiras que compraron unha funda do móbil para poder metelo na ducha e estar sempre dispoñibles para coller", lembra Silvana. Un traballo "estresante" que impide "organizar a túa vida diaria" e, aínda menos, tomar a decisión de ser nai.

De feito, Silvana recoñece que "non é a primeira compañeira que expresa que nestas condicións non quere dar o paso de quedar embarazada". Facelo significa "sacrificar moito polo camiño", prosegue. Ela mesma nunha das ocasións tivo que aceptar un contrato dun terzo de xornada, o que implica traballar e cobrar só por seis días ao mes, para poder conciliar. "Veste que estás dispoñible 24/7 para as listas do Sergas pero que ti non tes dereitos", sentenza.

E é que a conciliación da vida laboral e familiar resulta "complexísima", tendo en conta que o traballo de coidados e no fogar segue recaendo, maioritariamente, nas mulleres. "Fas como podes", explica Catuxa. Esta profesional, con dúas crianzas de cinco e tres anos na casa, no momento en que atendeu o GC ao teléfono non sabía en que quenda traballaría tres días máis tarde. "Os nenos requiren moitas horas de coidado. O colexio e as actividades son compromisos que tes que adquirir como nai e como pai, mais con este traballo non sabes se os vas poder manter. Precisas unha rede de apoio ao teu redor que che axude", explica. 

A PANDEMIA EMPEOROU AS CONDICIÓNS

Se ben a elevada eventualidade e o encadeamento de contratos son eivas estruturais que o Sergas leva moito tempo arrastrando, a crise da covid provocou un empeoramento das condicións de traballo das enfermeiras. "Sempre estivemos baixo mínimos, pero a covid quebrou todo, fixo evidente que estabamos en precario", explica Silvana. "Incluso nos cubriamos as baixas entre nós. Traballamos con moita frustación e cansazo".

E de novo, as mulleres con cargas familiares foron as máis afectadas. "Houbo momentos nos que mesmo se rexeitaban permisos de redución de xornada por coidados de fillos. Nós, como eventuais, nin sequera temos dereito a tramitalos", denuncia Catuxa, que advirte que as condicións das enfermeiras embarazadas non sufriron ningunha mellora. "Agora dá a sensación de que hai maiores posibilidades de conciliación, pero non é porque cambiaran as condicións, senón porque o Sergas oferta moitos contratos e estás en disposición de escoller entre máis opcións", explica.

Acontece isto porque, segundo explican, a sanidade pública galega está "sumida" nunha importante falta de persoal que deriva da "non xestión" dunha avalancha de xubilacións que era "totalmente previsible". Moitas delas anticipadas por mor da pandemia. A isto súmanse outras dúas razóns: "que durante dez anos o Sergas non fixo exames de oposicións e daba vacantes ou interinidades moi contadas; e que tras dous anos de pandemia, a enfermaría atópase moi queimada, e iso provoca un incremento de baixas laborais por estrés", indica Catuxa. 

A "fuga de profesionais é unha realidade", alerta o colectivo. Proba diso é que o 70% das enfermeiras enquisadas recoñece que pensou en abandonar o traballo "pola situación de precariedade". Ante esta realidade, dende 'Enfermeiras eventuais en loita' piden ao Sergas "maior transparencia" na contratación e listas de selección temporal  e un "cambio na xestión" do servizo. "Isto está nas mans das que nos dirixen, non podemos seguir estirando a corda da precariedade laboral e da mala xestión", sentenzan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta