O BNG acusa a Xunta e Goberno central da ocupación "ilegal" de terreos en Xunqueira de Alba

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanzou novas iniciativas nas Cámaras galega e estatal para "acabar co atentado ambiental".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2022 | Actualizada ás 19:04

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciou a ocupación "ilegal" en Xunqueira de Alba, en Pontevedra, por parte do Goberno do Estado e a Xunta de Galicia, afirma, desde 2018.

Os nacionalistas reclamaron a reposición dos terreos ante a "degradación ambiental" sufrida durante os últimos anos como "solución inmediata ante a vulneración da Lei por parte das dúas institucións". A este respecto, o deputado avanzou novas iniciativas nas Cámaras galega e estatal para "acabar co atentado ambiental".

Explican nun comunicado os nacionalistas que a resposta do Goberno do Estado a preguntas realizadas polo BNG "deixa negro sobre branco" que os Executivos están a ocupar "ilegalmente" os terreos de dominio público marítimo terrestre. "As concesións outorgadas finalizaron o 29 de xullo de 2018. É dicir, ambas as administracións levan case catro anos ocupando os terreos de maneira ilegal", explican.

Así, sinalan que, por unha banda, existen edificios do Estado onde se atopa a Dirección Xeral de Tráfico e a Dirección Xeral de Costas. E, por parte da Xunta, edificios que dan cabida á Axencia Galega de Infraestruturas e a Consellería de Medio Ambiente. "A Xunqueira de Alba é un espazo natural de gran valor ambiental, formado por terreos de dominio público marítimo terrestre" explica o deputado nacionalista no Congreso.

Rego propón destinar os terreos --declarados ENIL (Espazo Natural de Interese Local)-- á creación "dunha gran zona verde arboredo que sexa de gran interese desde o punto de vista ambiental e con potenciais usos recreativos de lecer en coordinación e colaboración coas distintas administracións implicadas".

Lembran ademais que a Deputación, que ocupaba parte dos terreos, xa puxo en marcha un plan para rexenerar os mencionados espazos. "Resulta paradoxal que tanto o Goberno estatal como a Xunta, que deberían dar exemplo, manteñan unha situación de degradación e ilegalidade", censura Luís Bará.

Néstor Rego. BNG
Néstor Rego. BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta