Abre ao público a zona máis antiga do Convento de Herbón

A intervención, situada no claustro, "favorece a posta en valor deste espazo e permite dotalo de novos usos culturais", explica o concelleiro de Cultura.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2022 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial na Coruña, Gonzalo Trenor, visitaron este luns o Convento de Herbón, no municipio de Padrón, no cal unha intervención do Goberno galego permitiu abrir ao público a zona máis antiga deste conxunto, declarado Ben de Interese Cultural no ano 2013.

Así, tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, os traballos impulsados pola Xunta centráronse na recuperación do claustro, a peza de maior antigüidade deste conxunto da primeira metade do século XVII, e ao que resultaba imposible acceder con seguridade.

"A intervención non só favorece a posta en valor dun dos bens máis singulares do Camiño Portugués e da comarca de Santiago de Compostela, se non que, ademais, permite dotar dunha nova vida ao claustro de cara ao seu uso cultural", destacou.

Román Rodríguez celebrou a transformación de ambos os pisos deste espazo, que se renovou totalmente recuperando o seu aspecto orixinal e "mellorando a súa funcionalidade e accesibilidade". "O patrimonio cultural é unha das grandes riquezas de Galicia e o noso deber é garantir a súa conservación para que poida ser legada e aproveitada pola cidadanía", dixo, antes de destacar o firme compromiso do seu departamento con aqueles bens que, como o Convento de Herbón, están situados na Ruta Xacobea.

No marco do proxecto de conservación levado a cabo neste inmoble, ademais de renovar as cubertas e o forxado de piso do claustro, tamén se mellorou a súa accesibilidade, promovendo un circuíto que une este espazo coa zona da igrexa. Así mesmo, limpouse o rexuntado da cantaría dos muros, restauráronse as carpintarías exteriores e elimináronse os elementos discordantes. Por último, aplicouse un tratamento á madeira fronte aos xilófagos e repasáronse todas as xuntas do pavimento.

O complexo de Herbón foi fundado no ano 1396 e, desde entón, pasou por varios usos e etapas, que van desde o colexio de misioneiros e seminario ata o convento, centro educativo e residencia da comunidade franciscana.

Na actualidade, presenta un estado de conservación diverso. Mentres que a igrexa e a residencia dos frades se atopan en bo estado, o claustro, zona na que se centraron as actuacións da Xunta, presentaba un estado deficiente. Ademais do claustro, no convento tamén destaca a fonte de San Bieito, que verte auga polo peito, así como o altar con obras de Benito Collazo, Gambino, José Ferreiro ou Ponte.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visita o Convento de Herbón.. XUNTA
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visita o Convento de Herbón.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta