Decenas de transportistas levan os seus camións ata a Xunta nunha nova xornada de protestas

Obrigan a suspender poxas en lonxas e provocan desabastecementos, nun martes no que non se puido celebrar feira de gando en Silleda.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/03/2022 | Actualizada ás 16:09

Comparte esta noticia

Transportistas galegos protagonizaron unha nova xornada de protestas pola suba do prezo de combustibles, nun martes no que levaron as súas mobilizacións ata a Xunta de Galicia, ademais de protagonizar paros e bloqueos en portos como o da Coruña e Vigo, así como diferentes polígonos industriais como os de Narón e Pontevedra. En Santiago, sobre as 13,30 horas comezaron a chegar os primeiros camións a San Caetano, onde deixaron os seus vehículos aparcados enfronte da Xunta mentres facían soar as bucinas. Posteriormente, preto das 14,15 horas chegou o resto do convoi, no que había tamén guindastres e tractores. Segundo a Policía Local, participaron 40 vehículos --que saíron do polígono de Costa Vella-- e unhas 140 persoas a pé --que partiron de Amio--.

Transportistas participan no segundo día de folga indefinida do transporte de mercadorías, no Polígono do  Ceao, a 14 de marzo de 2022, en Lugo
Transportistas participan no segundo día de folga indefinida do transporte de mercadorías, no Polígono do Ceao, a 14 de marzo de 2022, en Lugo | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

Este paro convocado a nivel estatal pola Plataforma para a Defensa do Sector do Transporte de Mercadorías por Estrada Nacional e Internacional --do que se desmarcan as principais federacións-- é secundado en Galicia pola asociación Apetamcor, cuxo presidente, José Manuel Rodríguez, avisa de que seguirán coas protestas "ata que o Goberno teña a decencia ou o tempo de sentar co pequeno". "Estamos a arruinarnos e non quere sentar connosco", quéixase.

Á súa chegada a San Caetano, o presidente de Apetamcor explicou que foron ata a sede do Goberno galego, "non para reivindicar nada á Xunta", senón para pedir "auxilio" e que interveña polos transportistas ante o Goberno central.

José Manuel Rodríguez expón que os impostos ao combustible son do 50%, polo que o Executivo central "ten marxe para intervir aí". "Agora é o momento de intervir o prezo do gasóleo", sostén.

SEGUIRÁN COAS MOBILIZACIÓNS

O responsable de Apetamcor esixe que o Executivo central sente con "todos" e "non só coas grandes patronais". "Non somos os culpables de que falte mercadoría ou que haxa desabastecemento nos supermercados, o culpable segue sendo o Goberno, que non ten tempo de sentar connosco", censura. "Seguiremos con isto ata que nos deixen, porque é mellor estar parados que traballando", sentenza.

Manuel, un camioneiro chegado a Santiago desde Val do Dubra, avisa de que non van parar as súas mobilizacións "ata que non se solucione" porque non poden traballar "perdendo diñeiro". Cifra nun incremento de entre o 60% e 70% a suba de prezo de combustible nas últimas semanas.

Igualmente, Borja, un transportista de Oroso, indica que "hai que parar" como única solución. Lamenta que encher supón entre 200 e 300 euros máis que antes.

PORTOS E POXA DE GANDO

A incidencia do paro do transporte fíxose notar na Central Agropecuaria de Galicia Abanca, que non puido celebrar as súas poxas debido a que non se levaron aos animais a Silleda.

A isto únense outras problemáticas en Galicia como a suspensión de poxas de peixes en portos como os de Burela e Celeiro, nun día tamén marcado por paros no sector pesqueiro.

Fontes da Autoridade Portuaria de Vigo confirmaron que a folga afectou o transporte de peixe para mercados almacenistas, é dicir, grandes camións que saen da terminal olívica en dirección a mercados centrais como os de Madrid ou Barcelona.

As mesmas fontes, no entanto, precisaron que si puideron saír os transportes para mercado comerciante polo miúdo (pescaderías e prazas de abastos) e grandes superficies (hipermercados). Tamén se mantivo a venda e poxa en lonxa.

Na Coruña e a súa área, os transportistas están a protagonizar piquetes en polígonos e no porto, tanto no herculino como no de Punta Langosteira, en Arteixo, para esixir ao Goberno a adopción de medidas ante o aumento do prezo do carburante. Robustiano, un dos afectados, emprazou ao Executivo a tomar medidas.

"Gaño máis co camión parado", resume sobre a situación este autónomo, que pertence á cooperativa Codebas, unha das convocantes das mobilizacións. "Estamos parados porque non nos queda máis remedio", insiste, explicando que levaron os seus piquetes a polígonos, ao porto da Coruña e ao de Langosteira para informar a outros e pedirlles que se somen ás protestas.

"Estamos con beneficios cero, non compensa traballar e hai formas para abaratar o gasoil", sinalou outro autónomo afectado, que explicou que hai transportistas que non recollen mercadoría ao escoitar as súas reivindicacións, aínda que outros optan por seguir. "Non temos moito máis que perder", precisaron ao ser preguntados se continuasen coas protestas.

Pola súa banda, o presidente da Lonxa da Coruña, Juan Carlos Corrás, admite que a situación é "complicada" e súmase á petición dunha resposta por parte do Executivo central. Neste sentido, sinala que se xa había barcos parados pola alza dos carburantes, agora hai máis pola protesta dos transportistas. "Barcos de arrastre e de cerco", precisa.

Corrás explica que esta situación leva a que a lonxa estea "en mínimos". De feito, nesta xornada non puideron abastecer o mercado nacional, aínda que si foi posible na xornada do luns. "O Goberno ten que tomar cartas no asunto", insiste.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta