A veciñanza de Cerdedo en pé contra eólicos de 163m de altura que afectarán a varias parroquias

Varias comunidades de montes do concello uníronse para realizar manifestacións e protestas conxuntas.

Por Galicia Confidencial | Cerdedo | 18/03/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

As Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Pedre, San Bernabé, Chamadoira, Corredoira e Quireza, que acordaron nas súas asembleas rexeitar a construción dos Parques Eólicos Porto Vidros e Campo das Rosas, veñen de unir forzas nos últimos días para facer unha fronte común contra estes parques eólicos promovidos pola empresa Naturgy Renovables S.L.U. e tramitados na Xunta de Galicia.

Veciños na praza do Concello de Cerdedo durante a manifestación celebrada o pasado 11 de decembro en contra do parque eólico proxectado no concello
Veciños na praza do Concello de Cerdedo durante a manifestación celebrada o pasado 11 de decembro en contra do parque eólico proxectado no concello | Fonte: remitida

Os motivos que propiciaron esta decisión son varios: excesiva proximidade dos aeroxeradores ás vivendas, con muíños de 163 m. de altura a 530 metros de distancia nalgún caso; afección ós recursos e servizos hídricos que nutren a estas parroquias e aldeas; grande extensión de chan e vivendas afectadas polas poligonais dos parques eólicos; ou o despregue de liñas eléctricas rodeando os núcleos de poboación.

Fai un ano que estes dous proxectos saíron a exposición pública e se presentaron numerosas alegacións en contra que aínda non foron contestadas. "Os veciños e veciñas, coñecedores do avance na tramitación dos expedientes, están moi preocupados", indican nun comuniado. Por iso, instan á Xunta de Galicia a que se teña en conta a súa opinión como propietarios dos terreos e como afectados polas consecuencias negativas que conlevarán estes parques eólicos.

XUNTANZA CO REXEDOR

Esta semana varios representantes veciñais mantiveron unha reunión co alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, para trasladarlle a postura contraria das Comunidades de Montes, que abarcan a maior parte do terreo afectado polos parques eólicos Campo das Rosas e Porto Vidros, e solicitarlle o seu apoio.

Nesta reunión co goberno local de Cerdedo-Cotobade, na que se comprometeu todo o apoio posible ós veciños e comunidades de montes, Jorge Cubela quedou en levar a cabo varias accións como "proporcionar información clara e contrastada" sobre o estado de tramitación dos proxectos e participar nas mobilizacións en contra coa organización dunha manifestación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta