O Carballo Interplay aposta polo talento galego

Na súa novena edición, que terá lugar os días 6, 7, 8 y 9 de abril na localidade de Carballo, preténdese reivindicar a creación de contidos dixitais dende Galicia e en galego. Entre os convidados e convidadas estarán a divulgadora Tamara Pazos, a youtuber e tiktoker Prado Rúa, a xornalista Esther Estévez, o youtuber Olaxonmario e o músico Berto.

Por X.M. Fernández | Carballo | 19/03/2022 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O Carballo Interplay naceu no ano 2014 co obxectivo de ser o primeiro festival de webseries do Estado.  A partir de 2015 pasou a ser un Festival de contidos dixitais sempre atento ás novas linguaxes e acollendo novas propostas e xeitos de entender a narración e a cultura audiovisual en relación coa internet e as redes sociais.

Festa de décimo aniversario de Angélica y Roberta. Foto: C. Interplay
Festa de décimo aniversario de Angélica y Roberta. Foto: C. Interplay

Dende o festival preténdese reivindicar a creación de contidos dixitais dende Galicia e en galego, xa sexa en redes sociais coma Youtube ou Tiktok, no eido audiovisual ou en formato podcast. E nesta IX edición apostarase, máis se cabe, polo talento das creadores e creadores galegas/os poñendo o foco nos seus contidos.

A xornada do xoves 7 de abril contará con actividades coma a gravación dun podcast en directo, o pitching de iniciativas que optarán ao premio de “Mellor proxecto de serie web” ou a celebración do décimo aniversario da webserie Angélica y Roberta.

A partires das 10:30 h. desenvolverase o Certamen Dinosaurio Escolas, unha nova iniciativa que busca fomentar a creación de contidos audiovisuais orixinais en galego mediante a creación de capítulos da serie DINOSAURIO. O certame estará dirixido aos niveis educativos de Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional de Grao Medio. De entre todos os traballos recibidos seleccionaranse 10 capítulos finalistas que se proxectarán na 10ª edición do festival. Ademáis, neste encontro cos centros educativos tamén se proxectará a serie Cacola, gañadora do premio a proxecto en galego 2020, da man do seu creador, David Fidalgo.

Ás 12:00 h. terá lugar a gravación en directo de Petiscos no Derby, un formato especial e exclusivo para o Carballo Interplay do podcast Café Derby. Este proxecto, creado por Adrián Lede, Nicolás Carreira e Carme D. Prol nace de conversas na cociña dun piso de estudantes que co paso do tempo se converteron en tertulias profesionais con invitados relacionados coa cultura galega. Nesta ocasión estarán acompañados da divulgadora Tamara Pazos (Putament), a youtuber e tiktoker Prado Rúa, a xornalista Esther Estévez, cara visible de “Dígocho Eu!”, o youtuber OlaxonMario e o músico Berto.

Fotograma 'Cacola'
Fotograma 'Cacola'

Pola tarde, ás 18:30 h., terá lugar a final do o pitching de iniciativas que optarán ao premio de “Mellor proxecto de serie web”, na que as finalistas presentarán a súa proposta de webserie ante un xurado que decidirá cal será a que reciba 3.000 euros de financiación para a realización dos seus tres primeiros episodios. Este é o único premio destas características que existe en todo o estado español, e deu lugar a creacións coma Peter Brandon (premio Mestre Mateo), Hai vida en Bran?, Sígueme, Xan, Amnesia 3.0, Cacola ou a gañadora da última edición, Pringadas, de Belén Puime.

Como remate á xornada, ás 22:30 terá lugar a festa de décimo aniversario de Angélica y Roberta, coa emisión do capítulo especial grabado para conmemorar os dez anos dunha das webseries galegas máis icónicas da historia.

O talento galego non remata o xoves, o venres 8 ás 18:30 h. proxectaranse en exclusiva os primeros tres episodios de Pringadas, de Belén Puime, a webserie gañadora do “Mellor proxecto de serie web” da edición pasada. A serie conta a historia de tres compañeiras de piso que viven en Santiago de Compostela e teñen que aprender a lidiar con rupturas amorosas, o sentimento de non pertencer a ningún lado e o diagnóstico dunha ETS, capturando cun ton honesto e desenfadado a realidade dunha gran parte da mocidade universitaria galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta