Últimos preparativos para os Mestre Mateo 2022

A gran gala do audiovisual galego retomará a normalidade prepandemia nesta edición.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2022 | Actualizada ás 11:08

Comparte esta noticia

Operarios e organizadores dos premios Mestre Mateo traballan nos últimos detalles para a celebración na noite do sábado da gran festa anual do audiovisual galego, que recupera a normalidade tras o parón motivado pola pandemia. A gala, que será retransmitida pola TVG a partir das 22,00 horas, terá lugar en Expocoruña, onde se habilitou un auditorio con capacidade para 850 persoas que desfilarán por un quilómetro de alfombra vermella e pousarán nos 150 metros de photocall cos que conta o recinto.

Este venres visitaron Expocoruña distintas autoridades para coñecer o lugar que dá acollida á XX edición dos Mestre Mateo, "o evento audiovisual galego máis importante", como foi definido pola responsable de Expocoruña, Pilar Cordal. O presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, agradeceu "o esforzo excepcional" realizado polo equipo de 250 persoas que traballan na organización da gala.

Ademais da emisión en directo da gala --que poderá seguirse pola canle principal da TVG, a Radio Galega e a web do ente público--, a CRTVG implicarase coa cobertura dos Mestre Mateo cunha programación especial. Así, como previa da gala, os espectadores da televisión pública galega poderán gozar dunha edición especial do programa 'Sabadeando', que cubriá e comentará a chegada dos artistas e autoridades a Expocoruña. Todo o que ocorra na alfombra vermella, o photocall e a entrega de premios tamén se seguirá de preto nas redes sociais da CRTVG.

NOMEADOS

A película 'Cuñados' lidera os nomeamentos para a XX edición dos Premios Mestre Mateo con 16 candidaturas, seguida polas longametraxes 'Jacinto' e 'Melancolía', que se alzan con 11. Pola súa banda, a serie 'Hierro' obtén oito. A Academia Galega do Audiovisual anunciou este xoves os nomes dos proxectos e profesionais finalistas nesta edición, nun acto en Lugo coa presenza de Alba Mancebo, Esther Estévez, Beatriz Serén, Luís Igrexa e María Costas, quen desvelaron as candidaturas finalistas.

'Cuñados', 'Jacinto', 'Malencolía' e 'Tres' son finalistas a Mellor longametraxe, mentres que 'A poeta analfabeta', 'A virxe roxa', 'O gran camiño' e 'Welcome to ma maison' o son a Mellor documental. As finalistas a Mellor serie son 'Hierro', 'A lei de Santos', 'Auga Seca' e 'Método Criminal' e a Mellor serie web 'Cacola', 'Delicias Amargas', 'Mataría Microserie' e 'Xela Arias. A palabra esgazada', da Real Academia Galega.

Dos 32 programas de TV presentados os votos das académicas e académicos elixiron 'Cinephilia', 'Clac', 'Cos pés na terra' e 'Dígocho Eu' e o traballo de Esther Estévez, Paco Lodeiro, Rodrigo Vázquez e Simone Saibene na categoría de mellor comunicador/a. O videoclip da canción 'Figa' de Tanxugueiras é finalista xunto con 'O volcán' de Pablo Lesuit, 'Fukushima' de Triángulo de amor bizarro e 'Voucho contar así' de Grupo Antilia.

Gala da XV edición dos Mestre Mateo / Marcos Martínez. / Europa Press
Gala da XV edición dos Mestre Mateo / Marcos Martínez. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta