Volven os carballos e os castiñeiros á antiga Mina de Varilongo

Verdegaia únense con grupos locais para "deseucaliptizar" o xacemento que unha vez abasteceu as tropas nazis.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2022 | Actualizada ás 19:38

Comparte esta noticia

Novos movemento da banda dos colectivos ecoloxistas de Galicia. Este sábado 19, as Brigadas deseucaliptizadoras de Verdegaia xuntaron forzas coas comuneiras da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Grixoa de Esternande, en Santa Comba, para realizar a primeira acción en terras xalleiras.

Deseucaliptización en Varilongo
Deseucaliptización en Varilongo | Fonte: Verdegaia

Segundo explican dende a plataforma, medio cento de persoas plantaron carballos e castiñeiros e eliminaron especies exóticas invasoras --como a acacia negra-- na paraxe do monte veciñal coñecedida como Rego das Casas Vellas: ese lugar que a partir da Segunda Guerra Mundial se convertiu en centro das históricas minas de Varilongo, resultando na ocupación das terras comunitarias.

A mina de Varilongo foi histórica polo seu aproveitamento da man do réxime nazi. A explotación --por outros grupos, naturalmente-- mantívose até hai pouco, xa que, de acordo con Verdegaia, "ata fai tan só dúas semanas a zona da intervención continuaba sendo ilegalmente ocupada pola polémica empresa mineira australiana Rafaella Resources, que se viu finalmente forzada a abandonala". A Comunidade de Montes, inciden, quere agora que volte a ter un uso social a servizo da parroquia e dos seus visitantes, como fora acordado fai xa 20 anos cando se iniciou a recuperación dos edificios.

Tanto Verdegaia como a Comunidade anfitrioa fixeron un balance positivo desta primeira convocatoria, que segundo destacan "terá continuidade". Outras accións previstas para zonas de especial interese ambiental terán que agardar a que a Xunta "obrigue" á mineira australiana a restaurar os pozos e chemineas que representan un enorme perigo para as persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta