Xornadas divulgativas para visibilizar a endometriose

A asociación QuerEndo denuncia que a pandemia "puxo en perigo a xa denostada sanidade pública galega" e chama "á súa defensa por parte da cidadanía".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Co gallo da Marcha Mundial da Endometriose o próximo 26 de marzo, a asociación 'QuerEndo, mulleres con endometriose' organiza unhas xornadas divulgativas na Facultade de Dereito de Santiago de Compostela. Este evento dará comezo ás 10.30 horas coa charla 'ENDO: diagnóstico e tratamento', a cargo da xinecóloga do CHUS Helena Rodríguez. A continuación, da man do anestesista da Unidade da Dor do CHUS Pablo López, tratarase o papel destas unidades na endometriose.

A asociación QuerEndo-Mulleres con Endometriose participou na masiva manifestación a prol da sanidade pública en Santiago
A asociación QuerEndo-Mulleres con Endometriose participou na masiva manifestación a prol da sanidade pública en Santiago | Fonte: Facebook QuerENDO

Logo, QuerEndo organiza unha concentración e lectura do manifesto de QuerEndo na Praza Roxa en Compostela ás 13.30 horas, e posteriormente, dará comezo unha "tarde participativa" na Biblioteca Concepción Arenal. Nesta segunda parte da xornada intervirán as sexólogas e membros da asociación Berta Vega e Verónica Ramilo para falar sobre dor e pracer. Ademais, desenvolverase unha visita guiada á exposición “Olladas á ENDO” tamén por parte de Ramilo, autora de parte das obras expostas.

Para asistir ás Xornadas e á tarde participativa cómpre inscribirse neste formulario. "Queremos dirixirnos á poboación galega para seguir reivindicando a importancia dun diagnóstico temperán desta doenza sistémica que incapacita a 60.000 galegas, e que ten un retraso medio diagnóstico de 8 anos", indica a Asociación. Denuncian, ademais, que a pandemia "puxo en perigo a xa denostada sanidade pública galega" e chaman "á súa defensa por parte da cidadanía".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta