Unha familia galega adica 300 euros ao mes a pagar gas e luz, segundo Ucgal

CC.OO., UGT e autónomos sairán á rúa este mércores para reclamar medidas ao Goberno ante a alza de prezos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2022 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

Os sindicatos CC.OO. e UGT, acompañados pola Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal) e a Unión de Asociacións de Traballadores Autónomos e Emprendedores (Uatae) convocaron mobilizacións nunha decena de localidades galegas este mércores, 23 de marzo, para demandar ao Goberno central que actúe co fin de conter a "escalada disparatada" dos "prezos, protexer o emprego e frear a deterioración das condicións de vida das familias e traballadores".

Con esta proclama, celebraranse manifestacións nas principais urbes galegas a partir das 19,30 horas. En Santiago, a concentración será fronte ás inmediacións da sede da Xunta de Galicia en San Caetano; en Lugo e Ourense, fronte ás súas respectivas subdelegacións do Goberno; En Vigo, a manifestación transcorrerá entre Vía Norte e Urzáiz ata a Praza de Compostela con Colón; en Pontevedra, o percorrido arrincará no Hospital Provincial ata a Praza da Peregrina; en Viveiro, os mariñáns manifestaranse fronte á Praza do Concello e en Vilagarcía de Arousa o lugar elixido foi a Praza de Galicia. Así mesmo, na Coruña, a protesta comezará ás 19,00 horas desde a Praza de Pontevedra e irá ata o Obelisco. En Ferrol, aínda está o lugar por determinar.

Para o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, é unha "obrigación" participar nestas mobilizacións porque consideran que a situación que atravesan nestes momentos as familias é "moi difícil de soster".

Segundo as estimacións da asociación de consumidores, a día de hoxe unha familia dedica "300 euros máis ao mes para pagar electricidade, gas, combustible e a cesta da compra". Así, sinalou López Crespo que é "moi complicado" que unha familia poida desenvolver unha vida normal e que poida dedicar os seus recursos a poder conciliala.

UNHA "ÚNICA VOZ"

O presidente da Unión de Autónomos de Asociacións de Traballadores Autónomos e Emprendedores (Uatae), Raúl Salinero, reivindicou que este mércores queren mandar unha mensaxe "clara e nítida" cunha "única voz" para defender estas demandas.

Pola súa banda, a secretaria de UGT Compostela-Barbanza, Marisa Rodríguez, puntualizou que os traballadores necesitan "gañar autonomía" no ámbito enerxético, sobre todo, a poboación máis vulnerable. Por último, o representante de CC.OO. en Santiago, Joaquín García, insistiu en que este aumento de prezos afecta a toda a cidadanía, desde consumidores, a autónomos ou asalariados. 

TARIFA ELÉCTRICA

Sobre este aumento xeneralizado dos prezos, os participantes na rolda de prensa celebrada este martes na sede de CC.OO. fixeron fincapé en demandar ao Goberno central que tome medidas en torno o prezo da electricidade.

Presentación de mobilizacións o 23 de marzo ante a crise de prezos. CCOO
Presentación de mobilizacións o 23 de marzo ante a crise de prezos. CCOO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta