Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/03/2022 | Actualizada ás 18:57
A Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña inhabilitou durante dez anos para emprego ou cargo público á exconcelleira do BNG no Concello de Fene, Mariela Aguilar, que no ano 2017 decidiu suspender un pleno no que se ía a debater unha moción de censura do PP e Somos Fene contra o goberno local do BNG.
O tribunal, que a considerou responsable dun delito de prevaricación administrativa, relata na sentenza que a acusada, na súa condición de concelleira de maior idade, presidía o pleno do Concello e a pesar de ser informada pola secretaria de que se estaban cumprindo os requisitos legais e de ter coñecemento de que había resolucións xudiciais que avalaban a súa celebración, decidiu, "de maneira unilateral e abusando da súa posición, sen contar co criterio da outra concelleira integrante da mesa", do Partido Popular, que a moción deixara de reunir os requisitos legais e suspendeu o pleno, evitando o debate e a moción de censura.
Os maxistrados indican que a decisión que adoptou "non pode ser explicada cunha argumentación técnico-xurídica minimamente razoable", á vez que advirten que é "evidente" que non pode prevalecer un escrito dun partido municipal cando se ditaron varias resolucións xudiciais que pretendía contravir.
Así, conclúen que a resolución foi ditada "coa finalidade de facer efectiva a súa particular vontade e co coñecemento de actuar en contra do dereito".
Na sentenza asegúrase que tanto a proba a documental como as declaracións da acusada e das testemuñas avalan, que "non estamos ante unha mera irregularidade, senón ante unha actuación dolosa, realizada con plena conciencia e vontade de alterar o procedemento electoral".
A procesada, segundo subliña o tribunal, impediu a celebración de pleno "en beneficio do integrante do seu mesmo grupo municipal e con evidente prexuízo para os demais concelleiros que asinaran esa moción". Os xuíces aseguran na resolución que a ilegalidade cometida pola entón concelleira é "clara e patente".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.