Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/03/2022 | Actualizada ás 19:09
Galicia traballa nun novo modelo de carreira profesional docente "único e homoxéneo" a nivel estatal, que permita seguir avanzando na mellora da calidade do sistema educativo galego a través dun conxunto de accións académicas específicas dirixidas á formación universitaria do profesorado e ao acceso á función docente.
Así o expuxo o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, nunha reunión de traballo na que participaron os reitores das universidades de Santiago de Compostela e de Vigo, Antonio López e Manuel Reigosa, a vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente da Universidade da Coruña, Nancy Vázquez, decanos e representantes das facultades de Educación galegas, das tres universidades e de todos os departamentos da consellería.
Neste encontro, a Consellería de Educación deu a coñecer un borrador que agora deberá ser analizado, mellorado e complementado por parte de todos os axentes implicados, co obxectivo de pechar un documento final que Galicia trasladará ao ministerio na próxima Conferencia Sectorial de Educación. Trátase, segundo explicou o conselleiro, de "elaborar unha verdadeira proposta de país que inclúa as demandas de Galicia neste proceso de mellora e transformación da carreira profesional docente".
Román Rodríguez lembrou que Galicia xa foi pioneira en 2017 na creación dun grupo de traballo para a abordaxe dun marco de competencias profesionais docentes que permitise "dar coherencia a todas as etapas de formación" e "elevar os estándares de prestixio e excelencia" destes profesionais.
A falta de pechar este documento final, neste borrador inicial debatido este martes se aposta por un novo modelo de carreira profesional docente "único e homoxéneo" para o conxunto do Estado.
A primeira das propostas recollidas é a definición dun sistema de acceso á formación inicial (graos universitarios) cunha ABAU de ámbito estatal, que tenda a unha maior homoxeneización e cun carácter máis competencial.
En liña con isto, tamén se propón unha reformulación da Práctica Inicial Docente (PDI) que, no caso de Infantil e Primaria, debería estar enfocada a potenciar a formación en competencias e á formación científica, así como a posibilidade de introducir un período de prácticas de carácter dual.
No caso de Secundaria, proponse a introdución de créditos optativos sobre educación e didácticas nos graos que permitan acceder ao máster de Secundaria e un modelo de especialización por ámbitos en lugar de por materias. Outra das propostas que se inclúe é a organización dun máster dual de acceso á función docente que teña carácter estatal. Isto é, que se acceda mediante unha proba única e homoxénea para todas as comunidades autónomas.
O máster de Secundaria tería, por tanto, unha fase académica dun ano de duración que se faría nas facultades de Educación, e unha segunda fase de formación intensiva e práctica docente nun centro educativo baixo a dirección dos profesores titores tanto da facultade como do centro.
Outro dos polos de traballo é o sistema de acceso ao exercicio da profesión docente, coa acreditación da capacitación docente, e tamén o desenvolvemento profesional mediante a definición de niveis, cun primeiro nivel de docente novel (período inicial de acompañamento e traballo tutelado no centro educativo durante dous anos) e a consolidación da categoría de funcionario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.