Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/03/2022 | Actualizada ás 20:23
A Xunta anunciou que o proxecto transfronteirizo 'Migramiño', creado para mellorar o estado de conservación dos hábitats fluviais e das principais especies migratorias de peixes opta ao Premio Natura 2000, convocado pola Comisión Europea.
A Consellería de Medio Ambiente destacou que este proxecto foi a única iniciativa de cooperación entre España e Portugal que conseguiu ser finalista na sexta edición destes galardóns, nos que participaron un total de 40 proxectos presentados por países membros da Unión Europea.
O departamento que dirixe Ángeles Vázquez trasladou que o ámbito de intervención do proxecto 'Migramiño' abarca cinco espazos Rede Natura 2000, dous deles en Galicia --Zona de especial conservación (ZEC) Baixo Miño e ZEC Río Tea--, e tres en Portugal --río Miño, Corno do Bico e esteiros dous ríos Miño e Coura--.
O obxectivo, detallaron, é mellorar o estado de conservación dos hábitats fluviais e das principais especies migratorias de peixes, entre eles, o salmón, a anguía, a troita ou a lamprea e, ao mesmo tempo, pór en valor a pesca tradicional e contribuír ao desenvolvemento socioeconómico transfronteirizo.
O proxector gañador darase a coñecer o próximo mes de maio nunha cerimonia de entrega que se celebrará en Bruxelas. Ademais, tamén se poderá elixir o gañador do Premio da Cidadanía Europea, a través dunha votación pública que estará aberta ata o 27 de abril.
A Consellería destacou que conseguir esta distinción suporía un recoñecemento ao traballo conxunto realizado entre Galicia e Portugal na protección da biodiversidade e na conservación da natureza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.