Zapatero dille a Feijóo que ser líder da oposición é estar "na NBA"

O expresidente do Goberno estivo na Coruña para pronunciar unha conferencia sobre educación. Ve "pouco responsables" as críticas ao Goberno pola crise do Sáhara: "O patriotismo demóstrase na oposición"

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 22/03/2022 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

O expresidente do Goberno José Luís Rodríguez Zapatero trasladou o seu desexo de que o candidato a liderar o PP e actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "faga as cousas ben porque sería bo para España", pero lembroulle que asumir esta responsabilidade é estar "na NBA" e que hai que "xogar moi ben".

O expresidente do Goberno José Luís Rodríguez Zapatero no Concello da Coruña
O expresidente do Goberno José Luís Rodríguez Zapatero no Concello da Coruña | Fonte: M. Dylan - Concello da Coruña.

Preguntado sobre a figura de Feijóo como futuro presidente do PP e lider da oposición, incidiu en que "está a empezar". "Isto é a NBA, nos primeiros días xa se deu conta, tivo que facer algunha declaración e rectificou", dixo sobre manifestacións de Feijóo e as posteriores aclaracións que fixo en relación ás mesmas.

Zapatero defendeu, ademais, que "tan importante é a figura do líder da oposición como a do presidente do Goberno" e, por iso, desexou que "faga as cousas ben". "Porque sería bo para España", recalcou. 

SÁHARA

O expresidente do Goberno cualificou de "pouco responsables" as críticas ao Goberno polo conflito do Sáhara Occidental e o apoio do PSOE ao plan marroquí para a autonomía do mesmo. "O patriotismo cara a España demóstrase cando se está na oposición", dixo, a preguntas dos xornalistas, coincidindo coa súa presenza na Coruña para pronunciar unha conferencia sobre educación.

Nelas, defendeu que a posición de España está en consonancia co exposto por Nacións Unidas. "Desde 2007, o Consello de Seguridade de Nacións Unidas vén recollendo a proposta de Marrocos", engadiu remitíndose, ademais, a unha resolución de outubro de 2021.

Por todo iso, considerou "inxusta" a crítica ao Goberno, á vez que a tachou de "pouco responsable". Fronte a isto, contrapuxo o seu posicionamento como líder da oposición cando gobernaba o PP e en relación ao conflito con Marrocos pola Illa de Perexil.

"Fun ao Parlamento a dar o meu apoio ao Goberno de Aznar porque era un interese de España", recalcou Zapatero, para quen "aí é cando se demostra se se pensa de verdade no Estado ou en ver que oco hai en facer oposición".

A Aznar, e en resposta ás súas manifestacións sobre esta cuestión, pediulle ser "un pouco máis prudente" e "arrimar" o ombreiro. "Porque cando se é expresidente hai que tentar que a España e ao Goberno lle saian as cousas ben", recalcou.

Cuestionado se cre que o Executivo central debería informar á oposición, incidiu en que a política exterior corresponde ao Goberno e remitiu calquera explicación ao Parlamento. Ademais, aludiu á necesidade de ser "moi prudentes" para que as decisións que se adopten non afecten as relacións con Marrocos e Alxeria. "Non debía ser este un tema de confrontación partidaria", insistiu.

EDUCACIÓN

Rodríguez Zapatero reivindicou na Coruña a transformación educativa de España nos últimos 40 anos, coincidindo coa súa presenza para inaugurar o II Foro 'Pensando en Educación', que organizan o Concello e a Universidade coruñesa.

Antes do acto, e en declaracións aos xornalistas, defendeu "a educación que abriu as portas ao progreso, á ciencia e ao coñecemento" e enxalzou o "camiño" nestes 40 anos en España.

Con todo, admitiu que quedan "retos importantes para estar entre os oito mellores países europeos" neste ámbito. Por outra banda, e en relación á pandemia, remarcou o papel de profesores e alumnos e o "esforzo que tiveron que facer" a pesar deste contexto.

As súas declaracións fíxoas no consistorio coruñés onde foi recibido pola alcaldesa, Inés Rey, que cualificou a Zapatero como o "primeiro presidente feminista que tivo España".

"O primeiro que levou unha lexislación clara para avanzar na igualdade das mulleres", citou nunhas declaracións xunto ao reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Estaba acabado en 2010 pero seica os zombies non dan desaparecido para nosa desgraza ! http://gamela00.blogspot.com/2010/0...