Protesta diante do Parlamento contra a "invasión eólica" e as "trabas" á cidadanía para defenderse

Nunha carta dirixida a Feijóo solicitan a derrogación das 'leis de depredación' e unha moratoria "efectiva" para os proxectos en trámite.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2022 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O colectivo Eólica Así Non concentrouse este mércores fronte ao Parlamento de Galicia para pedir ao Goberno galego que derrogue as coñecidas como 'leis de depredación' que fomentan "megaproxectos eólicos" que non "respectan" o rural e denunciar que se lle están pondo "trabas" á cidadanía para presentar alegacións.

Baixo a lema 'Non imos calar' e con proclamas como 'Partido Popular, inimigo do rural', 'eólica si, pero non así' ou 'queremos traballar no noso rural', as persoas manifestantes esixiron un modelo éolico completamente novo, adaptado á situación actual, respectuoso patrimonial, social e medioambientalmente, e acorde ás directivas europeas.

Respecto das alegacións sociais, Virginia Rodríguez, de Adega, asegurou que a cidadanía se están enfrontando a "trabas" para "defenderse" dos "megaproxectos eólicos que se están promovendo en toda Galicia en forma de avalancha". "Non nos deixan participar nos Consellos Consultivos, non nos deixan acceder aos expedientes administrativos relativos a proxectos eólicos, proxectos que nos afectan significativamente na nosa vida, de gran impacto ambiental, social e patrimonial", aseverou Rodríguez.

Estas trabas, defenden, víronse incrementadas polo recorte de prazos que a Administración autonómica implantou a través das últimas reformas legais, que tachan de "ilegais". "Levamos anos protestando por como se están facendo as cousas. Non estamos en contra das enerxías renovables, estamos en contra do modelo que se está promovendo de implantación de enerxía eólica; un modelo que non respecta a veciñanza do rural, que é depredador co patrimonio natural e cultural e que non acolle outras alternativas do desenvolvemento de enerxía eólica como poden ser as comunidades locais enerxéticas", explicou a responsable de Adega.

Avogan así por un modelo máis "autosuficiente", que non dependa tanto das grandes empresas e corporacións multinacionais de enerxía, máis xusto "social e medioambientalmente" e no que poida participar a sociedade, tamén como "produtora de enerxía". "Non podemos seguir dependendo das grandes multinacionais, que son poucas pero con moito poder, que fan e desfán como queren, e que poñen os prezos como lles dá a gana", criticou.

Rodríguez remarcou que aínda que a enerxía eólica é necesaria para a transición ecolóxica, "hai que ter en conta que en Galicia xa se produce moita enerxía renovable e que máis do 30% se exporta". "Cumprimos desde 2020 os obxectivos da Unión Europea en materia de enerxía renovable. Pensamos que xa cumprimos suficientemente", apuntou.

CARTA AO PRESIDENTE DA XUNTA

A responsable da asociación tamén destacou o papel deste tipo de enerxías no contexto actual de crise provocada pola guerra en Ucraína. A este respecto, insistiu na necesidade de ser "autosuficientes e soberanos" enerxeticamente. Esta e outras demandas atópanse na carta que o colectivo dirixiu ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na que solicitan a derrogación da lei de simplificación administrativa de 2021 e da de fomento e implantación de iniciativas empresariais de 2017, así como unha moratoria eólica "real e efectiva" para que se inicie un novo proceso de modificación dun "novo modelo enerxético no que poida participar toda a cidadanía".

"O plan eólico aprobado non foi consultado pola cidadanía nin pasou tampouco un proceso de avaliación estratéxica ambiental, por tanto non conta co aval de toda a sociedade galega", censurou Virginia Rodríguez. Na misiva, a asociación asegura que a cidadanía galega "está a ser silenciada ao ostracismo máis absoluto". "A chamada transición ecolóxica, inevitable e necesaria, converteuse na escusa perfecta do capital para seguir destruíndo o territorio, no canto de constituír unha oportunidade de avance cara a un mundo máis xusto, ecolóxico e resiliente fronte ao cambio climático", esgrimen.

Aseguran que a "actual invasión eólica", con 275 proxectos en tramitación, "dirixida por elites empresariais enerxéticas que desprezan Galicia", está a ser "non só consentida" polo Goberno que preside Núñez Feijóo, senón tamén "promovidas". Ademais de todo isto, piden a tramitación urxente dunha proposta de ampliación da Rede Natura 2000 para excluír do aproveitamento enerxético os hábitats máis sensibles e protexer os servizos ecosistémicos que prestan á sociedade.

Unha figura dun muíño de enerxía eólica, fronte á Catedral de Santiago de Compostela, durante unha manifestación contra os parques eólicos
Unha figura dun muíño de enerxía eólica, fronte á Catedral de Santiago de Compostela, durante unha manifestación contra os parques eólicos | Fonte: César Arxina - Europa Press - Arquivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta