O BNG urxe ao Goberno a actuar xa ante a "insustentable" escalada de prezos

Néstor Rego tamén reclama á Xunta que "non se poña de perfil" fronte a esta situación e asegura que "pode facer moito máis".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2022 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego instou o Goberno central a actuar "de inmediato" ante unha situación que cualifica de "insustentable" para as pequenas e medianas empresas e para o conxunto da economía ante a escalada de prezos.

O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, fixo un chamamento ao Executivo de Pedro Sánchez para que tome medidas "canto antes" porque, ao seu xuízo, resulta "sorprendente" que mentres "millóns de familias e miles de negocios o pasan mal", o Goberno vaia estudar o próximo 29 de marzo que medidas adoptará.

Fronte a unha oficina da distribuidora Naturgy en Santiago de Compostela, Rego manifestou, en declaracións aos medios, que non lle parece "de recibo" que o Goberno non tome decisións, mentres "parece que actúa ao ditado do oligopolio eléctrico".

Neste sentido, criticou que o xoves o Executivo se abrise a compensar ás eléctricas no futuro se baixan agora a factura e cuestionou que é o que hai que salvagardar: "O negocio das eléctricas ou a viabilidade das pequenas e medianas empresas e das familias?". Así, asegurou que durante o tempo que as grandes empresas aumenten a súa "marxe de lucro", as familias non poderán pagar a electricidade, polo que volveu instar o Goberno a tomar medidas "xa".

BATERÍA DE MEDIDAS

Nesta liña, o BNG presentou unha serie de medidas que cre necesario adoptar, por exemplo, no caso da enerxía eléctrica, intervir o mercado para poñer fin aos beneficios "chovidos do ceo" das empresas eléctricas ou establecer prezos máximos que eviten que poidan continuar as subidas de prezos. Ademais, volveu a reclamar unha tarifa eléctrica galega, que se retiren da factura todos os cargos que non teñen que ver coa xeración e distribución da electricidade e que se modifiquen os criterios do mercado xeneralista.

BAIXADA TEMPORAL DE IMPOSTOS

O deputado no Congreso reivindicou que o BNG non é partidario dunha baixada xeneralizada de impostos, pero si entenden que neste contexto é necesario baixar "temporalmente" os impostos dos hidrocarburos ata que se estabilicen os prezos e dar así solucións aos particulares, familias ou pequenas e medianas empresas.

Ademais, tamén demandou que se baixe o IVE superreducido aos produtos esenciais, algo que ve "lóxico" con tres tipos de IVE dispoñibles. A esta idea engadiu que isto se debe compensar cunha reforma fiscal "progresiva" que faga que "pague máis quen máis ten". Néstor Rego tamén instou ao Goberno galego a "deixar de porse de perfil" ante a situación actual e responsabilizar ao Goberno central porque, "aínda que na maioría dos casos sexa así", asegurou que a Xunta "pode facer moito máis do que está a facer".

Concentración do BNG fronte a unha oficina de Naturgy en Santiago de Compostela
Concentración do BNG fronte a unha oficina de Naturgy en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta