O Nobel de Química 2021: "Hai que investir máis en ciencia"

Este mércores ofrecerá unha conferencia aberta ao público no Auditorio Abanca de Santiago e participará no aniversario do CiQUS

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2022 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

O Premio Nobel de Química 2021, David MacMillan, reivindicou este martes en Santiago de Compostela que "todos os países necesitan investir máis en ciencia e que ese investimento sexa diversa".

O Premio Nobel de Química 2021, David MacMillan, en Santiago de Compostela. USC-SANTI ALVITE
O Premio Nobel de Química 2021, David MacMillan, en Santiago de Compostela. USC-SANTI ALVITE | Fonte: Europa Press

Unha reclamación que proclamou nun novo acto en Galicia, un lugar que definiu como "especial" e de "xente xenerosa". En parte por esa boa valoración de Galicia e dos galegos, o escocés non dubidou en ensinar e compartir nun encontro cos medios de comunicación, na sede do reitorado da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a medalla do Nobel.

Un detalle que tamén tivo coa corporación do Concello de Santiago, onde asinou no Libro de Honra do consistorio, e anteriormente este luns co alumnado do instituto Sánchez Cantón de Pontevedra, cos que charlou nun coloquio.

O científico da Universidade de Princeton, nacido en Bellshill (Escocia) en 1968, acompañado polo Catedrático do Departamento de Física Aplicada da USC, Jorge Mira e do director do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), José Luís Mascareñas, explicou aos presentes o descubrimento que lle levou a alzarse co galardón internacional: a organocatálise asimétrica, unha terceira vía de catalizadores baseada en pequenas moléculas orgánicas.

Xunto a Benjamin List, MacMillan descubriu que, ademais das encimas e dos metais, a catálise poderíase realizar mediante compostos que non levan metais, o que supuxo a revelación dun método "máis verde". Así, determinadas sustancias químicas convértense en produtos moito máis valiosos, tanto medioambientalmente falando como no ámbito económico, ademais de ter unha enorme relevancia a nivel industrial, "sobre todo para a industria farmacéutica".

MACMILLAN, UNHA PERSOA "NORMAL"

Os acompañantes do Nobel este martes, Jorge Mira e José Luís Mascareñas, definírono como un científico "excepcional" e unha persoa "moi próxima". Algo que o director do CiQUS resumiu, entre risas, en "unha persoa normal".

Así mesmo, contou que lle encanta o viño galego e, aínda que recoñeceu que, a pesar de levar xa máis tempo en Estados Unidos que en Escocia, séguese sentindo "moi escocés" e o seu corazón está cos Rangers, club de fútbol de Glasgow.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta