Os avisos de Baltar ante a sucesión de Feijóo: Rueda si, pero "interino"

O presidente da Deputación de Ourense deixa claro que o sucesor de Feijóo na Xunta é unha cousa e o futuro líder do partido é outra. Un claro aviso para o futuro líder do PPdeG que, coma nos tempos de Fraga, e tamén con Feijóo, tivo que pactar cos baróns e as provincias.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/03/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Semellaba que todo estaba tranquilo na sucesión de Núñez Feijóo en Galicia ata que volveu falar José Manuel Baltar. O presidente da Deputación de Ourense e líder provincial do PP volveu marcar os tempos e a axenda na futura sucesión e tamén os nomes. "Todo parece indicar que hai unha orde de preelección nas vicepresidencias. Por tanto, todos parecemos coincidir en que aquela persoa que leva con Feijóo desde 2009, formando parte do Goberno de Galicia, está con moitísima vantaxe", dicía nunha entrevista en Onda Cero.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, na presentación da adhesión da deputación ao bono turísticio da Xunta. ALBERTE PAZ
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, na presentación da adhesión da deputación ao bono turísticio da Xunta. ALBERTE PAZ | Fonte: DEPUTACIÓN DE OURENSE

E o home ao que se refire é Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro e que leva no Goberno galego desde o principio, primeiro coma home de confianza de Feijóo e, logo, como home do aparato do partido. Baltar non é o único que cre que a sucesión natural de Feijóo agora, neste momento, para presidir a Xunta é o vicepresidente segundo. Nas últimas semanas non foron poucos os cargos populares que apuntaban cara esa dirección.

O último, outro dos que soaron estas semanas nas quinielas da sucesión, Pedro Puy, portavoz dos populares na Cámara galega, a quen non poucos no partido ven como unha garantía de futuro. "O señor Baltar é un observador privilexiado da política galega e, por tanto, todos debemos prestar atención ao que di, que como acabo de dicir, ocupa nos procesos decisorios do Partido Popular un lugar moito máis preeminente que este portavoz", dixo este martes. "E dito isto, xa saben que son pouco xogador e simplemente remítome a que, se hai un certo grao de coincidencia en todas as declaracións, por algo será", engadiu.

Preguntado sobre a proposta de Baltar, o propio Feijóo tivo que replicar este martes que agradece "a súa dispoñibilidade para facer isto de forma rápida" e agregou un recoñecemento ás cifras de Ourense, "unha das provincias con resultados máis incontestables, non só en Galicia senón no conxunto de España".

BALTAR SACA PEITO

Feijóo tiña moi en conta o que dixera previamente Baltar. "O que está claro é que presido unha provincia que sempre exhibe os mellores resultados de Galicia, que neste momento o goberno máis importante despois da Xunta que gobernamos é a Deputación de Ourense, que cogobernamos a capitalidade e temos gobernos en 61 dos 92 concellos (...). A miña responsabilidade é vehiculizar esa cuestión e no seu momento falala no seo dos órganos correspondentes", lembraba nesa entrevista.

As palabras de Baltar volven marcar, novamente, a axenda interna do PP, mesmo a do propio Feijóo, sabedor de que, o dominio que ten da Deputación de Ourense e do PP desta provincia, fan que o que diga teña que ter tido en conta. E, aínda que todos saben que é o futuro líder do PP quen acabará decidindo ao seu sucesor na Xunta, o certo é que o que manifesten pesos pesados como Baltar tamén conta, sobre todo, polas outras mensaxes que deixou nesa entrevista.

O dito por Baltar non só vai nunha dirección, senón que ten varias interpretacións. O barón ourensán deixa claro que, é probable que Rueda sexa o sucesor de Feijóo na Xunta, pero tamén aclara que será un líder "interino".  Así, lembrou que os estatutos e o regulamento do partido contemplan "solucións transitorias". Sen citar a que solucións se refire, o propio secretario xeral galego, Miguel Tellado, subliñou recentemente a vía de que el, en ausencia dun vicepresidente, tome as rendas "de forma interina" ata que un conclave ratifique ao novo presidente do partido.

UNHA SOLUCIÓN PROVISIONAL?

En principio está garantida unha solución provisional para cando Feijóo dimita: o secretario xeral, Miguel Tellado, lembrou que o seu liderado "interino", mentres non se decide que pasos dar, está perfectamente "previsto". Iso cubriría o partido durante o tempo que sexa necesario.

Pero os Estatutos do PPdeG contemplan outras solucións, desde a xestora ata un congreso extraordinario autonómico, pasando pola elección do novo presidente do PPdeG no marco dun Comité Executivo galego, tendo en conta que este órgano está plenamente vixente ao renovarse o pasado verán.

A "previsibilidade" e a "estabilidade" son as dúas características que os populares aseguraron que marcarán a substitución de Feijóo, que tamén xera "incertezas" tras anos de 16 anos de forte liderado.

O FUTURO LÍDER TEN QUE CONTAR COS MILITANTES... E BARÓNS

É dicir, que Rueda pode ser un presidente da Xunta "interinol" designado por Feijóo, pero que o futuro líder do PPdeG e, polo tanto, candidato á Presidencia da Xunta, terá que saír dun congreso. "Baltar, que mamou a política desde o berce, está mandando unha mensaxe ben clara", apuntas dirixentes do PPdeG consultados por GC. E esa mensaxe é que, o futuro líder do PPdeG, "non o transitorio", terá que ser ratificado polos militantes e contar co que digan os baróns, ou cando menos, el.

"Quen queira liderar un partido sen Feijóo terá que facelo como el o fixo antes, pactando nas provincias", indican estas fontes que destacan que ningún dirixente popular, incluído o propio Rueda, suscita un amplo consenso entre as distintas familias populares.

O certo é que, dalgún xeito, é unha volta ao partido dos equilibrios provinciais e aos xogos de poder que, no seu día fixo Fraga e logo tamén o propio Feijóo, que aínda que cultivou unha imaxe moito máis presidencialista que o fundador do PP, non foi quen de acabar co "minifundismo"  das familias populares, especialmente, a de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta