Por Paisaxe Maltratada - Carlos Coto | Rianxo | 16/06/2014
As Normas Subsidiarias Provinciais obrigan ás obras realizadas a menos de 100 metros das igrexas e capelas a someterse á autorización previa e vinculante da Comisión Provincial de Patrimonio Histórico. Non parece que no caso desta igrexa de Cospeito se teña cumprido a norma, porque esa casa non debía estar onde está construída. Pero tamén hai unha desidia municipal por permitir que non estea rematada.
Non parece, tampouco, que sexa porque non lles chegaran os cartos para rematala por fóra, xa que disque a árbore foi plantada cando xa vivían nela, polo que debe levar uns 15 anos sen rematar.
A única solución que cabe, neste e moitos outros casos, é que o Alcalde obrigue aos veciños a recebar e pintar a casa por fóra e, de ser o caso dunha familia sen recursos, xestione axudas á rehabilitación que a Xunta ven concedendo, incluso para o remate exterior das casas.
Carlos Coto
Nacido na Estrada, resido actualmente en Rianxo. Arquitecto dende 1988 con especialización en rehabilitación e Urbanismo. Como profesional liberal realicei edificios en Galicia, Cantabria, Euskadi, Portugal, Italia e Madrid. Ademais fun secretario técnico do COAG, arquitecto municipal de A Pobra e actualmente director da Oficina de Rehabilitación de Rianxo. Defendo o Urbanismo Sustentábel, a Ordenación Racional do Territorio, a Arquitectura Tradicional e loito contra o Maltrato da Paisaxe, do Territorio e do Patrimonio, eido, no que levo 30 anos loitando e impartindo moitas conferencias ao respecto.