Calculan que os fondos europeos permitirán aforrar uns 540 euros ao ano na factura da luz

Temen que o encarecemento dos prezos e a falta de materiais impidan a súa execución e aseguran que "se non se executan, perderanse".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2022 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

O Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos calculou que unha vivenda media de Galicia podería aforrar ao redor dos 540 euros anuais na súa factura da luz se acomete unha obra de eficiencia enerxética, regulada polo Programa 4 dos fondos Next Generation.

Nunha nota de prensa, o presidente do Consello, Roberto Medín Guyatt, sinalou que a oportunidade é "única" e asegurou que "en décadas" non volverá presentarse unha ocasión en termos de rehabilitación enerxética de vivenda como a que se vivirá nos próximos dous anos. Nesta mesma liña, Medín Guyatt detallou que "cun pequeno investimento en rehabilitación de eficiencia enerxética subvencionada ata o 80%" poderíase recortar a factura enerxética dun domicilio "entre un 30% e un 50%".

Os aparelladores destacaron que a Xunta, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), xa publicou hai unhas semanas no Diario Oficial de Galicia (DOG) a normativa que regulará o Programa 4 de fomento da mellora da eficiencia enerxética de vivendas, e que está dotado en Galicia con tres millóns de euros en axudas.

REDUCIÓN DO CONSUMO DUN 30%

Unha das actuacións subvencionables fixa unha reducción do consumo de enerxía primaria igual ou superior ao 30 por cento a través de illamento. En concreto, os aparelladores expuxeron o exemplo dunha vivenda unifamiliar que gaste uns 150 euros ao mes en enerxía -- 1.800 euros ao ano --, que podería aforrar ao redor de 540 euros en cada exercicio. Calculan que o orzamento da obra sumará un máximo de 7.500 euros, dos cales 3.000 euros serán subvencionados.

Estas axudas xa se poden solicitar e o prazo estará aberto ata o 14 de outubro de 2022. Deberá tratarse do domicilio habitual e permanente das persoas propietarias, arrendatarias ou usufructuarias e o custo das actuacións ten que ser superior aos 1.000 euros por vivenda. Ademais, a contía máxima da subvención é do 40%, cun límite de 3.000 euros. O orzamento máximo subvencionable alcanza os 7.500 euros.

En calquera caso, os aparelladores son optimistas e prognostican que "o mellor está por chegar", en referencia a outros programas de axuda en materia de rehabilitación residencial que se espera que cheguen nos próximos meses a través destes fondos Next Generation. É o caso do Programa 3, que pronto estará operativo e que se destinará a comunidades de propietarios.

"DÚBIDAS" ANTE O FUTURO DA ECONOMÍA

Por outra banda, o coordinador da Comisión de Rehabilitación Enerxética do Consello Galego, José Manuel Grandío, recoñeceu que albiscan "algúns nuboeiros no horizonte e ameazan treboada no sector da vivenda". Esas "nubes negras" aseguran que chegan da man dos efectos que ten "a errática marcha da economía española" polo "encarecemento da enerxía e os combustibles, a carencia de materiais básicos na construción ou as dificultades para atopar man de obra cualificada".

O experto do Consello Galego teme que a conxuntura actual leve a un "desastre" e mesmo mostra "inquietude" porque non haxa suficientes empresas para executar "tanto volume de proxectos de rehabilitación que sairán ao mercado". Nesta mesma liña tamén se expresou Roberto Medín Guyatt, que alertou de que "se non se poden executar unha parte importante dos fondos Next Generation asignados para 2022, que dependen en gran parte da construción, os fondos perderíanse".

Arquivo - Vivenda rural. ANA VARELA / XUNTA - Arquivo / Europa Press
Arquivo - Vivenda rural. ANA VARELA / XUNTA - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta