Condenan o Sergas a indemnizar un home que perdeu un testículo por demoras na operación

A Sala eleva a condena ao Sergas por mala praxe ante a demora da atención prestada ao paciente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2022 | Actualizada ás 11:41

Comparte esta noticia

A xustiza recoñeceu o dereito a percibir unha indemnización catro veces maior á imposta en primeira instancia a un home de Pontevedra que perdeu un testículo a consecuencia dun golpe que se viu agravado pola mala atención recibida no Servizo de Galego de Saúde.

O fallo, emitido pola Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o pasado 7 de marzo e contra o que cabe recurso de casación, eleva a 45.729,04 euros a indemnización que debe abonar a Administración autonómica ao paciente, que no momento dos feitos tiña 41 anos.

Deste xeito, o tribunal dá a razón ao reclamante e tomba o recurso presentado polo Sergas ao considerar que o home recibiu unha atención deficiente no Complexo Hospitalario de Pontevedra, ao que acudiu tras sufrir un golpe fortuíto nos xenitais a principios do mes de abril de 2018 que lle provocou unha torsión testicular.

A sala determina que houbo "unha demora na atención médica prestada ao recorrente" na que existiu "mala praxe" ao demorarse tanto o diagnóstico como a intervención, practicada once horas despois de acudir ao hospital.

Así, os maxistrados inciden no seu fallo en que o servizo de radioloxía "tardou catro horas en informar o diagnóstico de torsión testicular ao facultativo do servizo de urxencias e a intervención practicouse ás 10,00 horas do 6 de abril de 2018, isto é, transcorridas once horas desde o ingreso, sendo unha intervención de non máis de media hora".

Remarcan que non existe xustificación ningunha para esa demora, que tampouco pode ser atribuída ao paciente, quen acudiu só e conducindo ao hospital, algo que fixo que se descartase no primeiro momento que as lesións fosen de gravidade.

E é que o paciente tardou varias horas en acudir a urxencias despois de recibir o golpe, xa que, nun primeiro momento, a forte dor que padecía cesou para regresar a mostrarse horas máis tarde, cando, ademais, percibiu unha inflamación nun dos seus testículos. "Non se pode culpar a quen, sendo un paciente, sen coñecementos médicos, acode cando realmente sente dor e observa inflamación no testículo", establece a sala.

Así as cousas, o TSXG eleva dos 12.000 euros recoñecidos inicialmente a 45.729,04 euros, nos que inclúe os case 4.000 euros que o paciente destinou a custearse un tratamento na sanidade privada, onde un facultativo lle recomendou operarse de urxencia para extirpar o testículo afectado.

Hospital Montecelo. SERGAS - Arquivo
Hospital Montecelo. SERGAS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta