Portugal homenaxea a contribución dos traballadores galegos no Alto Douro ao desenvolvemento vitivinícola da zona

Presentouse o documental 'Galegos D'Ouro'.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/04/2022 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

Portugal homenaxeou a contribución do traballo dos galegos no Alto Douro ao desenvolvemento vitivinícola desta zona e a posta en valor como paisaxe cultural. Así o sinalou a Xunta nun comunicado, no que informou de que o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou este luns na presentación da preestrea do documental 'Galegos D'Ouro', xunto co presidente da Comisión e Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-Norte), António Cunha.

Valença do Douro
Valença do Douro | Fonte: Joseolgon - Wikimedia.

A Xunta explicou que este documental é o resultado dunha coprodución entre a RTP e a TVG, co apoio do CCDR-Norte. Esta presentación enmárcase nos actos do día mundial dos Monumentos e Sitios declarado pola Unesco Patrimonio Cultural e no 20 aniversario do Douro Vinhateiro como paisaxe cultural.

O documental evoca a historia de vida e traballo dos galegos na Rexión Demarcada do Douro, e tamén o seu esforzo e dedicación na estruturación do territorio de viñedos de montaña e a paisaxe cultural. 'Galegos D'Ouro' é un testemuño a este papel histórico de Galicia na Rexión Norte.

Na súa intervención, o director xeral agradeceu o recoñecemento aos galegos que emigraron para contribuír ao desenvolvemento desta rexión vinícola a través da construción de socalcos e destacou que os seus descendentes desen o nome a unha das marcas máis recoñecidas.

Así mesmo, Jesús Gamallo lembrou que o recoñecemento como patrimonio mundial implica tamén unha obriga para o mantemento sustentable do territorio para seguir gozando dos beneficios en materia turística, gastronomía e de visibilidade da zona.

Neste sentido, a Xunta lembrou que as actuais prioridades europeas de transición verde ou de defensa do medio ambiente fan posible que no futuro se poidan realizar proxectos conxuntos entre zonas vinícolas de Galicia e o Norte de Portugal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta