Transporte público no rural: "hai xente renunciando a traballos porque non teñen como chegar"

Veciños de Ferrol e contorna mobilízanse ante a Xunta para denunciar o desmantelamento do sistema público de transporte.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A Plataforma Transporte Público Digno para Ferrol e Comarca séguese a mobilizar contra o recorte de frecuencias e servizos denunciado dende hai meses e recollido polo Galicia Confidencial en distintas reportaxes. Os usuarios do transporte público da área denuncian que dende a chegada da nova concesionaria --unha UTE integrada por Monbus-- a calidade do servizo prestado caeu en picado.

Autobús de Monbús
Autobús de Monbús | Fonte: wikimedia

Así, a plataforma vén de anunciar unha nova mobilización ante o edificio administrativo da Xunta en Ferrol para que a administración autonómica actúe contra unha precariedade que cae dentro do seu marco de actuación. A concentración está prevista para o vindeiro mércores 20 ás oito da tarde.

Dende a asociación fan fincapé nas reunións sostidas coa Dirección xeral de mobilidade e os escasos avances conquistados como resultado de tales encontros. Pola contra, subliñan que seguen a ser moitos os ferroláns que sofren a diario as deficiencias dun servizo denunciado en reiteradas ocasións.

As mesmas fontes recollen o caso de numerosos veciños que ben quedan en terra en numerosas ocasións ou directamente desisten de tentar coller as liñas. “Perdín a conta de todas as veces que quedei tirada na parada”, sostén Mar, veciña de Narón; mentres que Ana, de Valdoviño, asegura que “se perdo o autobús das 7 xa non podo chegar á casa”

A plataforma destaca tamén o caso de estudantes de Cariño que “non optan por facer Formación Profesional unha vez terminada a ESO porque a falta de transporte público supoñeríalles alugar vivenda con 16 anos e deixar o domicilio familiar”. Tamén se daría a circunstancia de “estudantes que renuncian a cursos e traballadores que renuncian a postos de traballo por falta de medios de transporte”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta