Rueda avanza cara á Xunta ante as críticas da oposición: "vai ser un presidente tutelado"

O pontevedrés anunciará oficialmente a súa candidatura o vindeiro venres. O PP defende que Feijóo cumpre coas súas atribucións como presidente da Xunta e a oposición pide acelerar o recambio.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/04/2022 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

O líder do PP provincial de Pontevedra, Alfonso Rueda, convocou para o venres a Xunta Directiva provincial do partido, onde planea anunciar a súa decisión de presentarse como candidato a suceder a Alberto Núñez Feijóo á fronte do PPdeG no próximo Congreso autonómico.

Do mesmo xeito que Feijóo o fixo ante o máximo órgano entre congresos no PPdeG, a Xunta Directiva autonómica, Rueda prevé seguir os seus pasos, segundo as fontes consultadas por Europa Press, e ratificar ante o seu equipo provincial unha decisión que ninguén no partido pon en dúbida tras recibir o vicepresidente primeiro da Xunta os apoios do resto de líderes provinciais e principais dirixentes do partido.

Precisamente, o propio Rueda --no que están postas todas as miradas para suceder a Alberto Núñez Feijóo como presidente do Goberno autonómico e do PPdeG-- confirmaba este martes, en declaracións aos medios desde Muíños que calquera anuncio "desde o punto de vista persoal" farao "dentro dos órganos do partido".

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, en declaracións aos medios, este mércores en Santiago de Compostela
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, en declaracións aos medios, este mércores en Santiago de Compostela

"Son presidente do PP en Pontevedra e correspóndeme en primeiro lugar anuncialo aos meus compañeiros alí, e a partir de aí por suposto falar con todos os compañeiros de Galicia e pedirlles humildemente a súa colaboración e o seu apoio", insistiu, nun acto como vicepresidente da Xunta en compañía do presidente da Deputación de Ourense e líder dos populares na provincia, Manuel Baltar.

Con todo, publicamente aínda non confirmou este inminente anuncio e limitouse a destacar que a Xunta Directiva do PPdeG celebrada este luns en Santiago --que fixou o 18º Congreso autonómico para os días 21 e 22 de maio-- demostrou que "hai unidade" no partido para "facer as cousas ben". "A mellor proba é o nervioso que se pon os partidos da oposición", engadiu.

PAPEL DE FEIJÓO

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defendeu este martes que Alberto Núñez Feijóo "está a cumprir todas as súas obrigacións" como presidente do Goberno galego e "desempeñando o seu cargo sen molestias" mentres que tanto BNG como PSdeG esixiron "axilidade" na substitución ao considerar que o Goberno galego está paralizado pola situación de interinidade.

A substitución de Feijóo á fronte da Xunta de Galicia tras o seu paso dado para liderar o PP a nivel estatal foi abordado, en resposta ás preguntas dos medios, por todos os grupos nas roldas de prensa celebradas este martes tras a reunión da Xunta de Portavoces. Así, en primeiro lugar, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, urxiu a Feijóo que "axilice toda a renovación da estrutura do goberno da Xunta" que "en ningún caso debería esgotar os prazos máximos que prevé a lei".

Luís Álvarez, que asegurou que foi o propio Feijóo quen "marcou o camiño a Rueda", sostivo que "queda fóra de toda dúbida" que "vai ser un presidente tutelado". Ademais, criticou que "o PP se presentou ás eleccións de 2020 non coa insignia do PP, senón coa do señor Feijóo". Por iso, asegurou que, aínda que se trate dunha "renovación lexítima e legal dun presidente", incidiu en que non foi votado polos galegos.

BNG

Pola súa banda, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, reclamou "rapidez e axilidade" no proceso para que Galicia conte con "un presidente a tempo completo" e "centrado". "Xa levamos demasiado tempo cun goberno máis centrado nas leas o PP que nas consecuencias desta crise brutal de prezos e da pandemia", sostivo.

A dirixente nacionalista asegurou que esta situación de "interinidade non se pode manter porque prexudica ao país e ás maiorías sociais nunha escalada de prezos que non se vía desde hai 40 anos". Así mesmo, considerou que "non é de recibo" que os galegos estean a pagar o salario de Feijóo para que "faga de presidente do PP", feito que sostivo que supón "unha razón máis para que dimita de forma inmediata" e que a situación "non se manteña nin un minuto máis".

RESPOSTA DO PP

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defendeu que Feijóo "está a cumprir todas as súas obrigacións" e "desempeñando o seu cargo sen molestias". "O presidente da Xunta está a exercer o seu labor e calquera alusión ao salario non me parece moi elegante", afirmou.

"Comprendo que os grupos da oposición estean nerviosos, pero estamos a facer unha transición exemplar, respectuosa coas normas e por tanto, creo que este tipo de comentarios non merecen ningún comentario", incidiu. Ademais, sobre as críticas a que Rueda poida ser un presidente "tutelado" por Feijóo, sostivo que a historia demostra "cada persoa, cando ten unha responsabilidade, exércea como estima oportuno" e lembrou que o PP foi o partido que estableceu "aquilo de que non hai tutelas nin tutías".

TELLADO E VÁZQUEZ

O secretario xeral do PPdeG e vicesecretario de Organización do PP, Miguel Tellado, destacou a experiencia e bagaxe profesional do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, a quen ve como "un candidato de consenso" para suceder a Alberto Núñez Feijóo. Tamén admitiu este luns que lle "gustaría" que unha muller accedese á Secretaría Xeral do partido na súa nova dirección.

Esta preferencia recoñeceuna nunha rolda de prensa na sede autonómica do partido, na que compareceu acompañado da líder provincial do PP de Lugo, Elena Candia, no seu papel de presidenta da Comisión Organizadora do 18º Congreso do PPdeG. Previamente, Tellado foi entrevistado na TVG, onde evitou dar por feito que Rueda encabezará unha lista de unidade e esgrimiu que ata o 28 deste mes "calquera afiliado do PPdeG con 40 avais" pode presentar a súa candidatura.

En todo caso, subliñou que "é verdade" que "hai unanimidade xeneralizada" á hora de entender que Rueda "pode ser a persoa que reúna os requisitos para asumir a Pressidencia da Xunta e conxuntamente a do PPdeG".

"Ten experiencia, demostrou ao longo destes anos de vicepresidente e conselleiro de Presidencia que ten unha bagaxe profesional que avala a súa xestión e, por tanto, somos moitos os que pensamos que sería un candidato de consenso que permitiría ao PPdeG seguir garantindo a estabilidade na nosa Comunidade", dixo.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asegurou que "anhela" que Alberto Núñez Feijóo estea na Moncloa como presidente do Goberno e que "o próximo presidente, Rueda, o sexa de novo nas próximas eleccións de Galicia".

Vázquez non ocultou a súa aposta polo actual vicepresidente primeiro da Xunta e líder dos populares en Pontevedra como substituto de Núñez Feijóo en canto se faga efectiva a súa dimisión como presidente da Xunta de Galicia.

Así mesmo, cuestionada sobre posibles cambios no Consello da Xunta coa chegada dun novo presidente, a conselleira sinalou que empezou en política en 1999 "por casualidade" e, aínda que recoñeceu que "a política engancha", asegurou que sempre está "a disposición do que mande o partido".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta