Por GC Tendencias | Ourense | 23/06/2014 | Actualizada ás 08:00
Ourense acollerá entre o martes 24 e o sábado 28 de xuño nove compañías de teatro de monicreques así como agrupacións de cabezudos e xigantes, procedentes de varias localidades galegas e lusas. A cita prodúcese aproveitando que a cidade das Burgas ostenta este ano a capitalidade cultural do Eixo Atlántico Galicia-Norte de Portugal.
Os títeres, xigantes e cabezudos -os bonecos- forman parte da memoria histórica e cultural en festas e romarías dos cinco continentes. Tamén nos festexos galegos, os bonecos formaban parte obrigada dos entretementos dos cativos e maiores. Os xigantes e cabezudos en Galicia están documentados dende o século XVII, e aínda que non son tan abundantes como noutras rexións ou países, case todas as cidades e vilas galegas tivéronos.
Co paso do tempo foron ficando no esquecemento ou na memoria comunitaria até desaparecer en moitas vilas por mor doutras atraccións que os viñeron substituír. Porén, aínda perviven en máis de medio cento de localidades, trece delas na provincia de Ourense.
En Portugal existe un traballo de recuperación de bonecos, promovido por festivais e encontros, como o ‘Festival de Xigantes e Cabezudos de Braga’ ou o ‘Festival Internacional de Xigantes de Pinhal Novo’. E isto tamén acontece ao outro lado do Atlántico. En Brasil hai gran tradición de Xigantes , os chamados “Bonecos grandes”. O caso máis destacado está en Olinda (Pernanbuco), onde os xigantes son un referente clave do ritmo cultural da cidade.
O Encontro Bonecos do Atlántico nace en Ourense neste 2014 para recuperar e poñer en valor esta tradición. Trátase dun festival único en toda a Comunidade, dirixido ao público infantil, adulto e familiar. Entre o martes 24 e o sábado 28 de xuño hai programadas diferentes actuacións de compañías de monicreques, na Alameda Bispo Cesario e nos Xardíns Padre Feijóo. As representacións estarán a cargo dalgunhas das compañías máis destacadas do actual panorama teatral galego - Títeres Mircromina, Marionetas Trécola, Fantoches Baj, Larraitz Urruzola e Títeres Cascanueces- e luso -Filandorra Teatro do Nordeste, Fio d’Azeite, S.A. Marionetas e Títeres MAO-.
O sábado 28 será a xornada máis completa, co encontro de xigantes e cabezudos. A diversión durará todo o día, dende a recepción pola mañá na Alameda Bispo Cesario -onde tamén haberá instalados xogos populares- ata o desfile da tarde polas rúas do centro de Ourense. No encontro participarán xigantes e cabezudos procedentes dos concellos galegos Ourense, Xinzo, O Barco, Allariz e Celanova; e gigantones e bombos dos concellos portugueses Braga, Palmela e Vila Real.
Máis información na páxina do Encontro ‘Bonecos do Atlántico’
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.