A CIG denuncia a "censura previa" de Bugallo en relación ao lema do 1 de maio

Segundo o sindicato nacionalista, o Concello de Santiago "está a impedir que se poidan utilizar lemas que prexudiquen o alcalde ou a súa xestión", algo que considera "moi perigoso".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2022 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

O secretario comarcal de Organización CIG-Compostela, Renato Núñez, denunciou a "censura" do goberno local dirixido por Xosé Sánchez Bugallo despois de que o Concello lle requerise á organización sindical, de forma previa, que informase do lema e con que fin quería colocar unha pancarta na Alameda, que era para o 1º de maio.

A petición do Concello, que se produciu "por primeira vez", motivou que a central sindical, que o considera un "acto de censura previa", optase por solicitar colocar unha pancarta que fixese referencia a, precisamente, esta petición feita polo concello: 'Bugallo busca censurar os movementos sociais'. Esta lenda non foi autorizada.

Renato Núñez lamentou a "vulneración da liberdade de expresión en base a unha censura previa", o que levou á CIG a sospeitar que "se a lenda non lle gustaba ao Concello, non se autorizaría", como así ocorreu coa alternativa exposta na que se facía mención directa ao rexedor compostelán. Núñez incidiu en que a normativa de publicidade estática non prevé requirimento. Para CIG-Compostela produciuse unha medida "gravisima que vulnera claramente o artigo 20 da Constitución, que fala da liberdade de expresión e aplica a censura previa de forma flagrante".

Neste sentido, denunciou que o Concello de Santiago "está a impedir que se poidan utilizar lemas que prexudiquen o alcalde ou a súa xestión", algo que considera "moi perigoso", pero que, advirte, "vén dando de forma habitual desde hai anos, noutros ámbitos relacionados coa liberdade de expresión e coa divulgación de actividades sociais".

MEGAFONÍA

Ademais, tamén explicou que no seu día o concello pediu que se xustificase previamente que a megafonía para a que se solicitaba permiso non superase os decibeis permitidos. Nese caso, foi o xulgado o que dixo que "as actividades sociais non poden ser prohibidas ante unha sospeita" e que "o que ten que facer o Concello, no caso de cometerse algunha ilegalidade, é tomar as medidas pertinentes", polo que "tombou" a medida municipal.

A CIG-Compostela tamén denunciou que "de forma continuada" o Concello vén facendo requirimentos deste tipo, "atrasando" o trámite administrativo e, por tanto, a publicidade da acción. Tamén advertiu esta situación en canto á megafonía, que se reduciu en días ata catro, a pesar de que chegou a autorizarse mesmo en 15 días os permisos.

Así as cousas, presentáronse alegacións ante o Concello de Santiago polas decisións adoptadas e peticións e requirimentos realizados, no sentido de que se atenta contra "a liberdade de expresión e a liberdade sindical", entre outras cuestións. Así, pide que se concedan as autorizacións pedidas e que se deixe sen efecto o requirimento de modificación do lema da pancarta.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo | Fonte: Concello de Santiago.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta