Tras dous anos de espera, espérase unha 'Festa do Boi' por todo o alto

A Asociación Cultural Xan de Arzúa vén de presentar a programación que durante 9 días de xuño traerá de novo a Allariz moita troula e preto de 50 actividades.

Por X.M. Fernández | Allariz | 27/04/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Do 11 ao 19 de xuño desenvolveranse en Allariz preto de cincuenta actividades. Música, teatro, actividades infantís, encontros populares e, por suposto, as tradicionais saídas do boi centrarán, un ano máis, a programación da Festa do Boi 2022.

Procesión Medieval da Festa do Boi (arquivo). Foto: Asoc. Xan de Arzúa
Procesión Medieval da Festa do Boi (arquivo). Foto: Asoc. Xan de Arzúa

A Asociación Cultural Xan de Arzúa aposta un ano máis por potenciar o carácter cultural e histórico da festa con actividades como o trato do boi, a procesión medieval na que participan máis de vinte gremios ou o encontro no Castelo. Arredor de 500 persoas ataviadas cos seus respectivos traxes representan, de xeito divertido, a orixe da Festa do Boi un ano máis.

Haberá tamén actividades pensadas para os cativos e cativas, a maioría delas o martes e mércores da semana festiva. Así, pois, poderán gozar co Pistaboi, as Saídas Infantís do Boi, os Boicreques ou o concerto de Ce Fantasma. Ademais a Asociación en colaboración coa concellería de Cultura do Concello de Allariz realizará obradoiros no CEIP Padre Feijóo de Allariz os días previos ao comezo da Festa.

Unha actividade que non podería falta na programación é a Cea Popular do xoves no Campo da Barreira. Nela participan os/as veciños/as de Allariz e as persoas que colaboran coa súa achega e que fan posible que ano tras ano se celebre en Allariz a Festa do Boi. 

SAÍDAS DO BOI E MÚSICA COMO PROTAGONISTAS

Escultura representativa da 'Festa do Boi'. Foto: XMF
Escultura representativa da 'Festa do Boi'. Foto: XMF

Este ano realizaranse doce saídas do boi durante os nove días da festa, anunciando cada saída con 6 bombas de palenque e unha soa avisará da súa fin. Dende a Asociación Cultural Xan de Arzúa lembran a importancia de seguir os consellos escritos no programa, así como nas entradas das rúas do casco histórico por onde se desenvolven as saídas.

A música, como é habitual, terá unha importante presenza contando con grupos de gaiteiros, charangas e orquestra, ademais dos tradicionais Zés Perreiras, entre outros.

A Festa do Boi deste ano conta cun orzamento de 75.000 euros e está sufragado pola achega voluntaria de veciños e veciñas, comerciantes e hostaleiros de Allariz aos que porta por porta se lles pide contribución.

Pano da 'Festa do Boi 2022'. Foto: Asoc. Xan de Arzúa
Pano da 'Festa do Boi 2022'. Foto: Asoc. Xan de Arzúa
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 F. Rodríguez

Pero los del BNG no son antitouradas?