Prohibidas as queimas agrícolas e forestais de particulares en Galicia ata novo aviso

A Xunta toma esta decisión tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e "unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2022 | Actualizada ás 10:34

Comparte esta noticia

As queimas agrícolas e forestais realizadas por particulares quedan prohibidas "desde este momento e ata novo aviso" debido ás potenciais complicacións derivadas das condicións climatolóxicas.

A Consellería do Medio Rural comunicou este venres que xa non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir deste momento. Só quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e dispondo dos medios de extinción precisos.

Así mesmo, a Xunta informou de que toma esta decisión tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e "unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume".

Neste sentido, tamén argumentou que a normativa -Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboación forestal- prohibe as queimas en canto as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.

Nesta mesma liña, a Consellería do Medio Rural pediu colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento. Ademais, o departamento que dirixe José González lembrou que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.

Traballos forestais. XUNTA
Traballos forestais. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta