O empurrón de Jácome volve abrir a porta a unha moción de censura en Ourense

PSdeG e BNG apuntan ao PP para que deixe caer ao rexedor de Democracia Ourensana e poder constituír un novo executivo. Jácome accedeu ao consistorio despois dun pacto para manter a Baltar na Deputación. Os populares gardan silencio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2022 | Actualizada ás 12:44

Comparte esta noticia

Gonzalo Pérez Jácome volve camiñar sobre xeo fino como alcalde de Ourense. O suceso protagonizado cunha sindicalista ás portas do consistorio ourensán vén de poñer ao independente contra as cortas, que dende hai meses xa goberna cun executivo anémico de polémica en polémica. Así, nas últimas horas tanto PSdeG como BNG veñen de reclamar ao PP que deixe caer a Gonzalo Jácome como alcalde ourensán, xa que Jácome --terceira forza nas últimas locais-- accedeu ao posto de rexedor tras un pacto para manter a Baltar á fronte da Deputación ourensá.

Jácome golpea unha sindicalista na folga do transporte urbano
Jácome golpea unha sindicalista na folga do transporte urbano | Fonte: Twitter

Así as cousas, na mañá deste mércores o líder do PSdeG, Valentín González Formoso, subliñou a disposición dos socialistas, que xa se tentaron "sentar en varias ocasións" cos populares e o resto de formacións en Ourense, para tratar de apartar da Alcaldía a Gonzalo Pérez Jácome, pero esgrimiu que é o PP o que "non quere cambialo".

En termos xerais, Formoso, que compareceu co deputado Julio Torrado para presentar unha iniciativa lexislativa para regular o xogo, sinalou que o comportamento de Jácome é "unha vergoña" e incidiu na gravidade do incidente que protagonizou na pasada xornada ao empuxar a unha sindicalista ás portas do Consistorio.

O dirixente socialista lembrou que se os populares non apoiasen a Jácome no Concello para manter a Deputación que dirixe Manuel Baltar e os socialistas, que foron os máis votados en 2019, dirixisen a cidade "nunca" se produciu semellante incidente. "Cometeriamos erros e teriamos acertos, pero esa escena que nos avergoñou non ocorrese", dixo.

En todo caso, esgrimiu que os populares deberían retirar o apoio a Jácome inmediatamente tras "a imaxe lamentable" dunha "agresión" a unha persoa que estaba "a exercer un dereito sindical". Ao seu modo de ver, a escena rexistrada este martes "sintetiza e traslada o peor da política e do que é capaz o PP" por preservar o poder. Ver "signos de violencia" nun representante público, engadiu, supón o peor exemplo para os mozos.

PSOE DE OURENSE

Ademais, o Partido Socialista de Ourense presentará iniciativas no Concello, na Deputación provincial e no Parlamento de Galicia para solicitar "a dimisión inmediata" do alcalde. O primeiro paso foi presentar por vía de urxencia unha moción que se debaterá na sesión plenaria municipal deste venres. Nela, os socialistas instan a toda a corporación a condenar rotundamente a agresión do rexedor e a trasladar o apoio á agredida.

Os socialistas insisten en que Pérez Jácome "non pode seguir un minuto máis á fronte da alcaldía", especialmente despois do que consideran "unha brutal agresión", polo que apuntan ao Partido Popular e pídenlle que "deixe de amparar este tipo de condutas violentas". Para o portavoz municipal do partido en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, "está claro que se fose doutro partido político esta persoa xa non estaría agora mesmo á fronte dunha formación nin das súas responsabilidades como alcalde".

Tamén a parlamentaria autonómica do partido por Ourense Mariña Ortega manifestou a necesidade de "blindar a calidade democrática", e pediu no Parlamento "un acordo unánime para reprobar este tipo de condutas".

BNG

Pola súa banda, o deputado ourensán do BNG Iago Tabarés aproveitou a súa intervención na comisión institucional do Parlamento de Galicia para reclamar ao PPdeG que "se some" á "condena" e "reprobación" ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, tras "a agresión física" a unha muller sindicalista que participaba cun megáfono na convocatoria da folga do transporte.

"Un paso máis nas continuas agresións, neste caso físicas, que sempre doutra maneira, verbais ou mesmo acoso das que foron vítimas representantes de partidos políticos, non só pero por suposto si do BNG, pero tamén do PSOE", apuntou, antes de lembrar que "chamarlle inútiles, o mes pasado, a representantes do PP, tampouco é algo decoroso". O deputado ourensán tamén lembrou que tamén foron "obxecto" destas actitudes, ademais de representantes sindiclaes, "funcionarios ou mesmo creadores culturais".

Así as cousas, o BNG instou aos populares a sumarse "a esta repulsa e reprobación por esta agresión física", ante a "sorpresa de que non se fixese ningún tipo de condena" (ata o momento) ou "declaración" sobre o alcalde escollido "non pola cidadanía, senón polo propio PP". Do mesmo xeito, Tabarés instou aos populares que "teña a ben pór fin a este proceso de degradación democrática que está a sufrir a cidade e a cidadanía de Ourense". "Á marxe do saqueo dos recursos públicos, do que vén sendo obxecto polo grupo de goberno, neste caso, sen distinción", apostilou.

O parlamentario nacionalista esperou que chegase esa "condena democrática" aproveitando a comisión institucional na Cámara galega, aínda que na pregunta que formulou, na que deu resposta o tamén ourensán director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, non houbo máis comentarios respecto diso por parte de ningún representante popular.

BALTAR E RUEDA

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, considera que "este tipo de actitudes non caben na vida pública" e que "non hai ningunha escusa posible", segundo trasladan fontes da Deputación. Baltar non entra a pronunciarse sobre o pacto de goberno. Pola súa banda, o candidato a liderar o PPdeG, Alfonso Rueda, tamén cualificou de "absolutamente inaceptable" a conduta do rexedor e afirmou que falará co grupo municipal popular antes de pronunciarse sobre os pasos a dar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Sentidiño

Xoves 5 de maio ás 20:30 concentración na praza Maior. Convoca S.O.S. Ourense.

2 Ferroviario

E cuestión de tempo, pero Jácome ten os días contados. ¿ Que vai facer despois? Non ten estudos de nada, para paiaso pros nenos non ten gracia, e de porteiro de discoteca..., non sei , non o vexo .

1 Xian do Sil

Bo traballo da liberada sindical, coñecida polos seus eternos e desgarradores berros en calquera manifestación que se convoque.