Tres profesores galegos obteñen bolsas para continuar as súas investigacións nos Estados Unidos

Carlos Ferrás Sexto, José Manuel Miranda López e Alberto Ruano Raviña desenvolverán estadías noutras universidades para traballar nas súas liñas de investigación.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2022 | Actualizada ás 21:08

Comparte esta noticia

Os profesores da USC Carlos Ferrás Sexto, José Manuel Miranda López e Alberto Ruano Raviña acaban de obter tres bolsas Fulbright que lles permitirán desenvolver estadías de investigación en Estados Unidos. Esta convocatoria, altamente competitiva, enmárcase dentro do Programa de estadías de mobilidade de profesorado e persoal investigador do Estado en centros estranxeiros do Ministerio de Universidades e en colaboración coa Comisión Fulbright.

De esquerda a dereita, Carlos Ferrás Sexto, José Manuel Miranda López e Alberto Ruano Raviña.
De esquerda a dereita, Carlos Ferrás Sexto, José Manuel Miranda López e Alberto Ruano Raviña. | Fonte: Santi Alvite - USC

De entre todas as solicitudes, a comisión de avaliación seleccionou preto de medio milleiro de candidaturas coa puntuación mínima esixida. Só 45 solicitantes obtiveron unha cualificación igual ou superior a 80 puntos no proceso de avaliación. Finalmente, as persoas seleccionadas foron convocadas a unha entrevista con persoas expertas e representantes da Comisión para aclarar aspectos relativos ao contido científico-técnico do proxecto.

LIÑAS DE INVESTIGACIÓN

O profesor Carlos Ferrás desenvolverá unha estadía na Universidade de Berkeley na que profundará no eido da psicoxeografía. En concreto, o profesor Ferrás afondará na elaboración de mapas de estados de ánimo a partir das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. Pola súa parte, a Universidade de Cornell acollerá durante tres meses o profesor Manuel Miranda López, da área de Nutrición e Bromatoloxía. O obxectivo da estadía é a aprendizaxe acerca da caracterización molecular de virus con potencial zoonótico. 

Finalmente, Alberto Ruano visitará a Universidad de Brown para "realizar investigacións sobre o radon residencial relacionadas coa Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica", explica. Xa en 2015, Ruano logrou a concesión doutra Fulbright que lle permitiu pasar tres meses na escola de Saúde Pública da Universidade de Brown, en Providence. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta